O PP négase a apoiar que Galiza sexa sede do Laboratorio europeo de moluscos e pide non ser “localistas”

O PP négase a apoiar que Galiza sexa sede do Laboratorio europeo de moluscos e pide non ser “localistas”

Os populares non apoian no Congreso unha candidatura que si repaldaron no Parlamento de Galiza.


Non é a primeira vez que o Partido Popular defende unha cousa en Galiza e a súa contraria en Madrid. Hai exemplos abondo deste comportamento, entre os recentes o do traspaso da AP9, onde o goberno popular vetou o debate dunha petición que era apoiada unanimemente do Parlamento galego. Pois o PP volveu facer outra destas viravoltas, desta vez a conta do Laboratorio europeo de moluscos, o laboratorio comunitario de referencia de contaminantes virais e bacteriolóxicos de moluscos que actualmente está en Reino Unido.

 

O brexit fai que sexa cuestión de tempo que ese Laboratorio teña que saír do Reino Unido e ter un novo emprazamento. Galiza, país pesqueiro e marisqueiro por excelencia da Unión Europea, semella unha das candidaturas máis lóxicas e con capacidades. Non en vano no noso país xa hai importantes organismos nese eido (Intecmar, Cima...) ou a Axencia europea de control de pesca. Hai unhas semanas, e co apoio do Partido Popular, aprobábase candidatar Galiza para acoller ese laboratorio de referencia.

 

Porén, e como informa a delegación de Arousa de La Voz de Galicia, o PP decidiu non apoiar no Congreso español esa petición. Unha negativa que plasmou no debate realizado na Comisión de Agricultura, onde desbotou dar o si á proposta dos socialistas de que Galiza albergue ese organismo. “Non é momento para localismos”, argumentaron desde a bancada popular.



x