PP e PSdeG vetan que se debata a proposta do BNG dun cupo económico para Galiza

PP e PSdeG vetan que se debata a proposta do BNG dun cupo económico para Galiza

Ana Pontón lamenta que os  socialistas vaian “de ganchete do Partido popular” nun debate  sobre un modelo que beneficiaría  a Galiza no seu financiamento. En Marea apoiou a proposición de lei presentada polos nacionalistas.


PP e PSdeG sumaron os seus votos para rexeitar a toma en consideración da proposición de lei presentada polo BNG para dotar Galiza dun concerto económico, unha proposta que si contou co apoio de En Marea. A portavoz nacionalista criticou a actitude de populares e socialistas de impedir o debate dunha proposta “seria, ambiciosa e beneficiosa para o noso país” e que permitiría Galiza, afirmou, rachar cun modelo “inxusto e centralista” que resulta un “ pésimo negocio” para o noso país.

 

O concerto económico proposto polo BNG, explicou Pontón, aposta  en que Galiza poida“autorresponsabilizarse” do seu futuro. “Trátase de quitarlle a chave dos cartos de Galiza ao Sr. Montoro, e devolverlle esa chave aos galegos e as galegas”.

 

Modelo vixente, centralista e irracional

 

O BNG defende que esta proposta dotaría de mellores ferramentas fronte a un modelo en vigor “totalmente irracional. “O actual modelo de financiamento recorta en sanidade pero regálalle á banca máis de 40.000 millóns de euros, aumenta as peaxes da AP-9  pero rescata as radiais madrileñas, recorta en Educación pero aumenta o gasto militar en 7.000 Millóns de euros”. A cuestión  non reside, polo tanto,  nos recursos que xeramos, o problema é como se distribúen.

 

Pontón indicou que un verdadeiro autogoberno vai da man da suficiencia financeira e que esa reflexión non é nova, pois xa foi defendida por Brañas, Irmandades da Fala ou o Partido Galeguista. Co concerto “cóbranse todos os impostos en  Galiza polo Goberno galego , posibilitando a suficiencia financeira necesaria para cubrir os gastos nos servizos básicos fundamentais: sanidade, educación e protección social e promover  o desenvolvemento económico,  social e cultural que o país necesita, sen condicionantes nin restricións graves”.

 

Afirmou que coas cifras oficiais de 2014  pódese comprobar “como a carga fiscal real mínima que soportaron os galegos foron 11.131 millóns de euros, mentres que para financiar o conxunto de competencias, o sistema achega 7.043 Millóns euros reais”. Hai pois 3.458 millóns de diferenza entre o sistema de concerto e o sistema vixente”.

 

Luis Villares (En Marea) apoio a proposición presentada polo BNG, incidindo na necesidade de “cambiar status quo” e de camiñar e avanzar cara á “soberanía fiscal” de Galiza.

 

PP e PSdeG, de por parte, opuxéronse frontalmente a esta proposta. Fernández Leiceaga dixo que era “insensata desde o punto de vista económica e financeira” mentres que o popular Pedro Puy cualificou a proposición do BNG como “ruinosa para Galiza”. 



x