O PP recoñece agora que ”non hai documentación” da candidatura galega ao laboratorio europeo de bivalvos

O PP recoñece agora que ”non hai documentación” da candidatura galega ao laboratorio europeo de bivalvos

O deputado socialista Julio Torrado acusou os populares de facer un “Máster en trapalladas”.


O deputado do PP Pazos Couñago confirmou en comisión no Parlamento galego  ao portavoz de Marisqueo do grupo socialista, Julio Torrado, que “non existe documentación” da suposta candidatura de Galiza a ser sede do Laboratorio Europeo de referencia de control bacteriolóxico de Bivalvos, segundo o PSdeG. Galiza fixo campaña para acoller ese laboratoio sen saber que o Estado español votou meses antes a favor de suprimilo. O parlamentar socialista presentou unha iniciativa para pedirlle á Xunta un informe sobre os pasos desenvolvidos pola Xunta para defender a suposta candidatura que anunciara Feijóo en novembro pasado - após que o Ministerio de Sanidade votara a favor de disolver o organismo-.A solicitude incluía “a documentación presentada e tramitada para solicitar ante o goberno de España constituír a candidatura de Galiza”, sinalan desde o PSdeG.

 

Segundo os socialistas, o PP tentou rexeitar a iniciativa argumentando que dita documentación non existía porque nunca fora presentada. Torrado lembra que a propia conselleira do Mar, Rosa Quintana, dixera no pleno do Parlamento do pasado 12 de xullo que si que había candidatura, afirmando que “así llo solicitamos á ministra, aínda a semana pasada volvín remitirlle a documentación ao Ministerio”.

 

O Ministerio de Sanidade español votou o 18 de outubro en Bruxelas a favor da disolución do laboratorio mentres Feijóo anunciaba publicamente a candidatura de Galiza na sede do Intecmar o 24 de novembro, máis dun mes despois.

 



x