LUÍS VILLARES, PORTAVOZ DE EN MAREA

“É un problema complexo e o golpe ás institucións democráticas de Catalunya non o vai amañar”

“É un problema complexo e o golpe ás institucións democráticas de Catalunya non o vai amañar”

O portavoz de En Marea, Luís Villares, considera, após as medidas anunciadas por Mariano Rajoy contra o Govern da Generalitat, que “acaban de deixar sen voz o pobo de Catalunya e iso non é admisíbel en termos democráticos”.


O anuncio da destitución de Carles Puigdemont e do Govern catalán e o recorte de competencias ao Parlament anunciado na mañá do sábado por Mariano Rajoy após o Consello de Ministros é, a ollos de En Marea, “un grave erro democrático”, pois “fulmina os representantes que lexitimamente representan o pobo de Catalunya”.

 

Nunha nota de imprensa de urxencia, o portavoz de En Marea, Luís Villares, puxo de manifesto que “o PP, que se mantivo sempre no inmobilismo, elimina agora o seu interlocutor, elimina a política de diálogo e pretende eliminar os que poderían resolver un conflito que é político”.

 

Villares, que informa do rexeitamento de En Marea “ao que na práctica supón a supresión do autogoberno”, sinala que estamos diante dun “problema complexo” e “o golpe ás institucións democráticas de Cataluña non o vai amañar”.

 

“Desde En Marea reclamamos a paralización inmediata das medidas anunciadas e pedimos a todas as partes que senten a dialogar” porque “acaban de deixar sen voz o pobo de Catalunya e isto non é admisible en termos democráticos”.

 

Anova di que están en perigo "as liberdades da cidadanía galega"

 

Tamén se pronunciou ao respeito Anova a través do seu portavoz nacional, Antón Sánchez, após a reunión da Coordinadora Naciona, quen puxo de manifesto que "a cuestión catalá é unha batalla pola democracia real" e quen alertou de que "están en perigo os dereitos e liberdades da cidadanía galega".

 

Pola súa banda, Xosé Manuel Beiras cualificou a aplicación do 155 como "un golpe de estado", ao entender que "non se dan as condicións para que a aplicación dese artigo teña sentido".

 



x