4 PARLAMENTARES DA CONFLUENCIA NON RESPALDAN O 1-O

Unha proposta do BNG sobre Catalunya pon en evidencia as diferenzas internas de En Marea

Unha proposta do BNG sobre Catalunya pon en evidencia as diferenzas internas de En Marea
Carmen Santos, nunha intervención parlamentaria
Carmen Santos, nunha intervención parlamentaria  

O núcleo de Podemos Galiza próximo á súa secretaria xeral (Juan Merlo, Magdalena Barahona e a propia Carmen Santos) e a líder de Esquerda Unida, Eva Solla, non respaldaron a proposta de resolución do BNG sobre Catalunya que incluía unha referencia expresa de apoio ao referendo do 1-O. Optaron pola abstención. Si votaron a favor o resto de parlamentares de En Marea. 


Catalunya pairou en todo momento sobre o debate do estado da nación. Fíxoo no discurso de Feijóo (que lle dedicou 27 minutos nunha intervención de por volta de 90) e fíxoo tamén no debate e votación das propostas de resolución formuladas polos distintos grupos esta sexta feira no Pazo do Hórreo.

 

O desenvolvimento do procés e, nomeadamente, a realización do referendo de 1-O estabelece un campo de xogo e interpela os distintos actores políticos á hora de tomaren partido. Nese sentido, o BNG apresentou unha proposta de resolución basicamente con dous aspectos. O primeiro, a denuncia da represión estatal en Catalunya. O segundo, o respeito "ao direito de autodeterminación dos pobos e a vontade expresada polo pobo catalán no referendo".

 

Este último elemento de apoio á consulta foi o que colocou problemas a unha corrente de opinión no grupo parlamentar de En Marea. Nela alíñanse a coordenadora nacional de EU e secretaria xeral do PCG, Eva Solla, e tres parlamentares de Podemos, o grupo nucleado arredor da súa líder na Galiza, Carmen Santos. Isto significa que a proposta de resolución do BNG non só puxo en evidencia as diferenzas internas no seo de En Marea, senón que tamén espellou as distintas sensibilidades que existen no interior de Podemos. A formación morada tampouco mantivo a unidade na votación (dos seus 7 parlamentares, 4 votaron a favor da proposta do BNG e, portanto, non secundaron a abstención liderada por Santos)

 

As fontes de Podemos Galiza próximas a Carmen Santos consultadas por Europa Press explicaron que non podían apoiar a proposta do BNG porque a súa organización non deu no Estado apoio á consulta (si o fixo, en troca, Podem, a marca catalá da organización liderada por Pablo Iglesias). A tese oficial de Podemos é que o 1-O non foi un referendo, senón unha mobilización popular. A súa aposta non era esta consulta, senón unha convocatoria futura pactada entre o Estado e a Generalitat.

 

A proposta do BNG foi rexeitada ao bater contra o muro da maioría absoluta do PP e após colleitar 16 votos a favor (os 6 parlamentares do Bloque máis 10 de En Marea) e 4 abstencións (as dos 4 parlamentares da confluencia).

 



x