Imputado do PSdeG dá a presidencia da Deputación de Lugo ao Partido Popular

Imputado do PSdeG dá a presidencia da Deputación de Lugo ao Partido Popular
Elena Candia
Elena Candia  

Os socialistas retiraron a proposta de Manuel Martínez, imputado, á presidencia, tal e como lle solicitaba o BNG para un posíbel acordo na entidade, e presentaron a Darío Campos. Mais o alcalde de Becerreá votou por el propio, en primeira volta, e en branco na segunda, propiciando que o PP goberne na entidade provincial. Elena Candia, alcaldesa de Mondoñedo, nova presidenta.


Elena Candia, alcaldesa de Mondoñedo, é a nova presidenta da Deputación provincial de Lugo, un cargo que acada para o Partido Popular após unha votación a dupla volta e de alta tensión na que o deputado imputado Manuel Martínez (PSOE) propiciou que o PP se faga coas rendas da entidade provincial. Nas redes sociais as referncias a un 'tamayazo' foron constantes.

Na primeira votación, Darío Campos, o proposto finalmente polo PSOE en troques de Martínez, obtivo 12 apoios: os dos 2 deputados do BNG e 10 dos 11 socialistas. Elena Candia contou con outros 12 (os do PP). E Manuel Martínez, 1. Ao haber empate, goberna a listaxe máis votada, que foi o Partido Popular. O secreatrio procedeu a tomar xuramento a Elena Candia do cargo, após o que ela propia procedeu a ler o discurso, que traía escrito.

Repetir as votacións

Mais entón o secretario caeu na conta de que había que repetir as votacións, pois na primeira volta cumpría, segundo estipula o regulamento, a maioría absoluta para ser electo como presidente. E a rexedora de Mondoñedo non a obtivera. Así que se repetiu a votación e a tensión volveu dispararse.

O resultado desta nova votación deixou 12 votos para Darío Campos, outros tantos para Elena Candia... e 1 en branco, Candia xurou novamente o cargo con todas as miradas dos presentes postas en Martínez.  

O PSdeG anunciara pouco antes do acto de constitución da entidade a proposta de Darío Campos, alcalde de Pontenova, como candidato para presidir a Deputación de Lugo, retirando a Manuel Martínez, rexedor de Becerreá, que non tiña o apoio do BNG por estaren imputado. Darío Campos foi proposto para a presidencia da Deputación a iniciativa da Comisión Federal de listaxes do Partido Socialista, após rexeitar a proposta elevada polos órganos provinciais do PSOE de Lugo.

Besteiro, anuncia medidas

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro,xa anunciou á saída do pleno da Deputación que o partido tomará medidas contra Manuel Martínez, se ben non abondou máis en cales serían estas.

 



x