A pugna soterrada entre ‘Caballeros’ pode definir o futuro do PSdeG

A pugna soterrada entre ‘Caballeros’ pode definir o futuro do PSdeG
Díaz Villoslada, Abel Caballero e Gonzalo Caballero [Imaxes: Twitter e Vigo.org]
Díaz Villoslada, Abel Caballero e Gonzalo Caballero [Imaxes: Twitter e Vigo.org]  

O peso da agrupación local de Vigo será determinante nas primarias. Abel Caballero sopesa decantarse por abrigar Villoslada para evitar o acceso á secretaría xeral do seu sobriño, Gonzalo Caballero, co que fica enfrontado desde hai unha década.


O PSdeG terá de escoller este domingo 8 de outubro un novo liderado. O vigués Gonzalo Caballero parte como favorito, logo de atinxir o maior número de avais e de tecer unha alianza co voceiro parlamentar, Xaquín Fernández Leiceaga, que acabou por abandonar a carreira á secretaría xeral. En fronte Caballero ten a Juan Díaz Villoslada, terceiro en avais pero apadriñado de feito pola Xestora galega que encabeza Pilar Cancela e que parece contar tamén coa beizón do aparello federal. 

 

A pugna ten ademais un importante ingrediente familiar cun apelido en común: Caballero. A agrupación local de Vigo que ten un enorme peso no conxunto do PSdeG e unha grande influencia no conxunto do PSOE provincial, pode ser o factor determinante das primarias. Até o momento, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, mantivo publicamente unha posición de pretensa neutralidade, para evitar unha nova derrota como a colleitada cando patrocinou a candidatura de José Luís Méndez Romeu para ser cabeza de lista do PSdeG nas pasadas eleccións galegas. Daquela, e após unha xira nacional coa que Caballero pretendeu erixirse como líder interno da franquía galega do PSOE, alzouse vencedor Leiceaga. Máis recentemente tamén saíu duramente derrotado na súa aposta por Susana Díaz face ao retorno de Pedro Sánchez á secretaría xeral a nivel estatal.

 

Mal menor

O acordo entre Leiceaga e Gonzalo Caballero outórgalle moitas máis posibilidades a este para ser o próximo secretario xeral galego. Un escenario abominábel para Abel Caballero, que mantén un duro enfrontamento con el desde hai máis dunha década. Para o rexedor vigués, o ascenso do seu sobriño --e líder do sector crítico na cidade olívica-- suporía unha perda de influencia decisiva no devir do socialismo galego e faría definitivo o isolamento da actual dirección PSOE vigués. Pragmático e astuto, coñecedor de primeira man do aparello interno, Abel Caballero estaría a sopesar se brindarlle o seu apoio, inda que for sen publicidade, a Villoslada. Sería unha aposta táctica. A escolla dun mal menor diante da ameaza que para o seu liderado suporía que Gonzalo Caballero se situase á fronte do PSdeG. 

 

Para alén de mobilizar toda a base que lle é fiel, tarefa na que contará coa plena complicidade da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, o alcalde vigués parece disposto a tentar rabuñar entre os e as apoiantes de Leiceaga que non teñan clara a súa aposta en Gonzalo Caballero. Neste sentido, a principal eiva do pacto co voceiro parlamentar e o aspirante á secretaría xeral, é que Leiceaga non ten un peso significativo en termos organizativos nin a súa base está compactada. Non é claro que o pacto entre precandidatos se traduza nun transvase de votos nas primarias. Para alén diso, a influencia de Abel Caballero sobre o poder municipal e as direccións locais, que no PSdeG adoitan estar supeditadas ao primeiro, é moi relevante.

 

Agardar

Neste momento, todo apunta, pois, a que o liderado do PSdeG vai depender, polo menos en parte, de como se resolva a incipiente pugna soterrada entre “Caballeros”. Porén, outra posibilidade que se estaría a manexar nos cuarteis olívicos do PSOE sería a de manter a neutralidade até o final, agardando un mellor momento para lanzarse á disputa da cabeza do PSdeG, por exemplo elevando até a Secretaría Xeral a unha persoa da máxima confianza de Abel Caballero. Entre os nomes que teñen soado para esa operación nos últimos meses, están o da propia Carmela Silva ou o de María José Caride, actual concelleira de Urbanismo en Vigo.



x