Quintana di que a inscrición persegue que non se usurpe a marca para fins eleitorais


Quintana di que a inscrición persegue que non se usurpe a marca para fins eleitorais

"Puxemos o asunto en mans dun avogado e inscribimos Somos Nós como marca, como asociación, como partido", explica Anxo Quintana en conversa con Sermos Galiza.

 

O ex portavoz nacional do BNG argumenta que a inscrición de Somos Nós como partido político obedece só a un movimento para evitar que a marca a puidese usurpar "calquera" para fins que non son os previstos polos seus promotores.

"Somos o que somos e o que queremos ser. Non nacimos para competir eleitoralmente, pero non podemos permitir que calquera espabilado poida utilizar [a marca] para aquilo para o que non foi concebido", dixo a Sermos Galiza.

Na acta de constitución de Somos Nós como partido político, os seus promotores solicitan que se curse a solicitude de constitución da nova formación perante o rexisto do Ministerio do Interior. "É que non pode ser doutro xeito. Ou te inscribes ou outro poderíao facer por ti", di Quintana.

Expertos consultados por Sermos Galiza afirman que non é preciso inscribir un partido político para evitar que persoas distintas das súas promotoras usurpen unha marca. Basta simplesmente con rexistrala perante a Oficina de Patentes e Marcas. Unha vez rexistrada, ninguén pode facer uso dela e calquera petición de inscrición sería rexeitada polo Ministerio do Interior.

Quintana apela ao precedente de Guanyem para explicar a razón que o levou a legalizar Somos Nós como partido político. Con efeito, Guanyem tivo problemas á hora de usar a súa marca, mais iso foi porque unha persoa a rexistou ante o Ministerio de Interior antes de que o fixera a organización liderada por Ada Colau. Esta non tivera a cautela de a rexistar primeiro na Oficina de Marcas. De o ter feito, a marca sería propiedade dela e ninguén a podería ter utilizado posteriormente.