Rajoy di que non escoitou os apupos contra el e o rei

Rajoy di que non escoitou os apupos contra el e o rei
Feijoó e Rajoy cunha militante esta mañá en Cerdedo-Cotobade.
Feijoó e Rajoy cunha militante esta mañá en Cerdedo-Cotobade.  

Mariano Rajoy regresou hoxe a Galiza onde tivera que interromper as súas vacacións hai dez días polos atentados en Barcelona. Falou en Pontevedra diante de dirixentes do Partido Popular para pedir a “algúns responsables políticos” que renuncien aos seus “plans de ruptura, división e radicalismo”. Acompañouno Núñez Feijoó, que dixo que “non pode haber partidos nin ideoloxías, nin pequenas batallas absurdas” fronte ás “grandes traxedias”.


O presidente do Goberno español participou do acto en Cerdedo-Cotabade co que seu partido inauguraba o novo curso político apenas unhas horas despois de recibir unha mensaxe rotunda de parte da cidadanía catalá. Porén, Rajoy evitou calquera alusión directa aos apupos contra el, o rei e varios membros do Goberno onte en Barcelona. Ao parecer, non lles prestou demasiada atención: “As afrontas dalgúns non as escoitamos”, limitouse a explicar. Despois comentou que el estivera onde tiña que estar e sentíase orgulloso de ter acompañado a Felipe VI. 


Rajoy regresou de Barcelona insistindo no seu discurso. “Estamos aquí para dicir que somos españois, que vivimos nun país libre, que a nosa liberdade pode máis ca seu medo e a democracia non cede ante a barbarie”, dixo despois de manifestar que “todas as vítimas do terrorismo son as nosas vítimas”.


A pouco máis dun mes para a votación do 1 de outubro no referendo de autodeterminación en Cataluña, o presidente do Goberno reiterou as ameazas aos líderes políticos cataláns, a quen pediu que renuncien aos seus “plans de ruptura, división e radicalismo” antes de que o Estado teña que tomar medidas para defender “a soberanía nacional, a Constitución e o Estatuto de Autonomía catalán”.


Xunto a Mariano Rajoy estivo o presidente da Xunta de Galicia. Alberto Núñez Feijoó confesou que onte en Barcelona sentira “orgullo” de estar ao lado do presidente do Goberno e do Xefe do Estado, e manifestou que “ante grandes traxedias non pode haber partidos nin ideoloxías”.  Feijoó considerou que “os galegos rexeitamos o política espectáculo, preferimos a política útil", e defendeu a "política á galega", que "significa traballar máis do que se fala" e tamén "lealdade ao resto de España e aos españois". 



x