PROTESTA DO BNG

“Rajoy inaugura unha suba en directo e outra en diferido das peaxes”

“Rajoy inaugura unha suba en directo e outra en diferido das peaxes”
Acto do BNG na inauguración da ampliación da AP-9 en Compostela. Foto: cedida.
Acto do BNG na inauguración da ampliación da AP-9 en Compostela. Foto: cedida.  

Cun “acto simbólico” o BNG deu continuidade na mañá desta cuarta feira á súa protesta contra a xestión da autoestrada AP-9 e os opacos vínculos entre concesionaria, fondos de investimentos e Goberno de Madrid. “É unha das maiores estafas organizadas do noso país”, afirma a Sermos Galiza o concelleiro de Santiago de Compostela Rubén Cela.
 


Xustamente en Santiago de Compostela foi a concentración de cargos e militantes nacionalistas. Coincidiu cunha nova visita de Mariano Rajoy e do ministro de Fomento Íñigo de la Serna para inaugurar a ampliación da vía na capital de Galiza. “Veñen inaugurar unha suba en directo e outra en diferido nas peaxes”, explica Cela, “por riba das outras autoestradas do Estado”.

 

O Bloque volveu reclamar a transferencia da AP-9 a Galiza “como solicitou por unanimidade o Parlamento galego. Iso é o que teñen que explicar o presidente e o ministro”. Refírese á negativa do Goberno español -referendada pola Mesa do Congreso- a tramitar a proposta unánime do Hórreo ao respecto. “Aínda que o ideal sería o seu rescate público”, engade, “din que non hai cartos, pero si que os había para rescatar as radiais madrileñas”.

 

Segundo Rubén Cela, os convenios da Administración cos xestores da autoestrada “só serven para engordar as contas dos fondos de investimento”. En concreto, menciona Capital Corsario -“o nome é moi acaído”, ironiza-, que posúe 38% da infraestrutura.



x