DÍAZ NON SOUBO RESPONDER AOS ATAQUES POLA ABSTENCIÓN A RAJOY

As enquisas outorgan unha vitoria clara a Sánchez no debate do PSOE

As enquisas outorgan unha vitoria clara a Sánchez no debate do PSOE
Un momento do debate
Un momento do debate  

Sen novidade na fronte do PSOE. O debate foi unha repetición dos mantras de campaña. A saber: Susana Díaz vendeu a mercadoría do PSOE gañador de eleccións, Pedro Sánchez -vencedor na Galiza en número de avais- amartelou a súa rival coa recordación incesante da abstención socialista na investidura de Rajoy e Patxi López ensaiou a terceira vía amábel, o intento á desesperada de non ficar esmagado polo choque de trens. As enquistas post-debate deron como claro gañador Pedro Sánchez.


O veredito internético, as enquisas feitas após o debate, non pode ser máis demoledor para Susana Díaz: Pedro Sánchez tería gañado a confrontación dialéctica por goleada. O inquérito do meio de maior penetración social de cantos fixeron sondaxes, a cadena SER, non pode ser máis favorábel para o ex secretario xeral. Vírono gañador 72,96 por cento das persoas inquiridas, face 17,39 que apostaron en Susana Díaz e apenas 9,64 dos que se inclinaron por Patxi López.

A mesma tónica obsérvase nos traballos de LaVanguardia.Com e ElDiario.Es (Sánchez, 74 face Díaz, 16; Sánchez, 80 face Díaz, 12,05, respectivamente). O inquérito máis benigno para a líder andaluza apareceu en El Mundo.Es: 44 por cento para Sánchez e 35 por cento para Díaz.

Os resultados destes inquéritos confirman a impresión que deixa o debate: se ben é certo que a candidata e os candidatos se limitaron a iren polo rego dos seus respectivos argumentarios, non é menos verdade que Susana Díaz nunca foi capaz de responder adecuadamente a principal liña de ataque de Pedro Sánchez, a de lembrar machuconamente a abstención na investidura de Rajoy promovida por Ferraz unha vez que, após o xa célebre comité federal de 1 de outubro, o economista madrileño se vira obrigado a apresentar a súa demisión como secretario xeral.

Díaz quixo pór terra de por medio a respeito do PP, partido que cualificou de "tóxico", mais en ningún momento deu cunha resposta minimamente articulada e convincente ao ataque monográfico de Sánchez.

Todo o argumento de Susana Díaz é que ela gaña eleccións, que conta co respaldo dos ex presidentes do goberno Felipe González e José Luis Rodríguez Zapatero e que a súa aposta é por unha "esquerda útil". Mentres, Sánchez defendeu un partido ancorado na esquerda, autónomo do PP e alternativo ás políticas neoliberais, un partido da militancia e non dos "notábeis". A terceira vía, abocada ao fracaso eleitoral o 21M de acordo coa colleita dos avais e os inquéritos, personificouna Patxi López. O ex lehendakari, tranquilo en todo momento en contraste co certo nervosismo dos seus oponentes, esforzouse por marcar un perfil propio e diferencial. Mais na cuestión central -na avaliación da abstención a Rajoy- situouse no terreno de Sánchez, o que obxectivamente favorece o ex secretario xeral.

En todo caso, e dada a escasa audiencia do debate ao ter sido programado en horario laboral, é dubidoso que este torneo dialéctico entre os aspirantes a liderar o PSOE vaia ter un efeito directo na intención de voto da militancia socialista, chamada a elixir entre as tres opcións este domingo 21 de maio.



x