Santamaría xustifica a aplicación do 155 en Catalunya para “recuperar a convivencia e a legalidade”

Santamaría xustifica a aplicación do 155 en Catalunya para “recuperar a convivencia e a legalidade”
soraya senado
soraya senado  

O PP mantén a folla de rota da aplicación de medidas excepcionais da Constitución para Catalunya. O PSOE pide que se Puigdemont convoca finalmente eleccións, non se aplique o artigo. ERC e PDEcat consideran que o artigo 155 é un ataque ao pobo catalán


A vicepresidenta do goberno español, Soraya Sáenz de Santamaría, compareceu na Comisión de debate do 155 No Senado para defender a aplicación en Catalunya deste artigo que abre a porta a medidas excepcionais. A afonía da vicepresidenta non minguou nin o máis mínimo o ton duro do seu discurso, no que xustificou a aplicación do 155 para “cumprir cunha obriga democrática, legal e política”. Foi clara: cargou contra o independentismo por “irresponsábel” e reiterou todos e cada un dos puntos do relato que nestes meses se levan construíndo e propagando desde Madrid contra o proceso catalán: ruína económica, falla de apoio internacional, conculcación de dereitos dos non independentistas.

 

Todo isto para chegar a unha conclusión. Aplícase o 155 para abrir unha nova etapa que permita  “recuperar a legalidade, a convivencia”, así como para permitir a “recuperación económica” e sentar as bases para “convocar eleccións”. A vicepresidenta recoñeceu que o 155 é unha medida excepcional mais lembrou que é unha disposición que aparece en diferentes ordenamentos constitucionais europeos.

 

Antes do inicio do debate, o PP vetou ma mesa do Senado que o delegado da Generalitat en Madrid, Ferran Mascarell, intervese para defender as alegacións do Govern á aplicación do 155. Senadores dos partidos independentistas e de En Comú Podem solicitaron ao inicio da sesión que se reconsiderase esta decisión. Porén, desde o PP defendeuse o veto argumentando que ningún membro do goberno catalán asistira á Cámara Alta para defender esa postura.

 

PSOE

 

Ander Gil, do PSOE, cualificou o proceso independentista como o máis grave incumprimento da Constitución desde o golpe de estado de 1981. “Non hai democracia sen constitución”, afirmou, para defender emendas do PSOE á proposta do goberno para aplicar este artigo. Así, pediu que se finalmente Puigdemont convoca eleccións, non se aplique.

 

PDEcat

 

"Co artigo 155 queren decapitar politicamente Catalunya". Así de rotundo se manifestou o portavoz do PDEcat no Senado, Josep LL. Cleries, que cualificou a aplicación dese artigo como "un golpe de estado do nacionalismo español do PP e do PSOE". 

 

O senador considera que non hai dúbida de que estamos perante un "ataque á liberdade, ao autogoberno, a todos os cataláns, pensen o que pensen". Advertiu tamén que a aplicación do 155 non ten data de caducidade: "Non se sabe cando acabará".

 

PNV

 

Os nacionalistas vascos consideran que o PP chega a esta comisión coa vontade de poñer en andamento o 155, independentemente de que se declarase ou non á independencia. O PNV entende que cvon esta mewdida hai unha "suspensión" de facto da autonomía catalán, e defendeu que Euskadi e catalunya "non son unicamente autonomías, son pobos".

 

ERC

 

Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) ratificou que se mantén fiel ao "mandato do pobo catalán" saído das urnas o 1-0, "un mandato pola República". Para ERC, o goberno español quer impulsar o 155 procurando "impoñer o caos" e poder así chegar ao poder en Catal7unya. "Vostedes queren negar que somos unha nación. Somos unha nación, non necesitamos de vostedes para nos recoñecer como tal".

 

Unidos Podemos

 

Unidos Podemos denuncia varias irregularidades na tramitación do 155 no Senado. A portavoz adunta, Maribel Mora, relata en Público como o PP, con maioría absoluta na Cámara Alta,tería forzado o regulamento desde que se activou o calendario do procedemento. 

 

Óscar Guardindo, de por parte, defendeu no Senado a cerna do argumento que Unidos Podemos leva expoñendo nestas semanas: "Non queremos nin 155 nin DUI. Apostamos nunha España plurinacional, un país de países onde ninguén queira marchar"

 

 

En Ampliación

 



x