Santos quere que Podemos, Anova e EU compartan “modelo común político” nas municipais

Santos quere que Podemos, Anova e EU compartan “modelo común político” nas municipais
Carmen Santos
Carmen Santos  

Un “modelo común político” entre Podemos, Anova e EU para as eleccións municipais é o obxectivo que persegue a secretaria xeral de Podemos na Galiza, Carmen Santos.


A secretaria xeral de Podemos na Galiza, Carmen Santos, avoga por que Podemos e os seus aliados, entre os que se atopan Anova e EU, partillen un “modelo común político” que integre “as sensibilidades de todos” de cara ás eleccións municipais de 2019.

 

A respeito da cita electoral, Carmen Santos tratou de calar as voces críticas, que piden a convocatoria dunha asemblea para fixar un posicionamento, advertindo de que a prioridade é, neste momento, o debate sobre o modelo territorial. “Estamos nun momento chave da crise territorial, cunhas eleccións catalás á volta da esquina e, polo tanto, temos que estar niso”, afirmou a secretaria xeral da formación morada, que chamou a “non pensar tanto en cuestións internas”.

 

Unha vez resolto o debate sobre o modelo territorial, agregou Santos, Podemos abordará as municipais “da mellor maneira para recuperar os concellos para a xente”. “Pedimos responsabilidade e esperar a ver como se desenvolven os acontecementos en Catalunya”, agregou.

 

Carmen Santos pronunciouse así diante dos medios en Santiago antes de comezar o acto “Conectar España”, unha iniciativa de Podemos para “recoñecer” a realidade plurinacional do Estado “desde a unidade”.



x