ASEMBLEA DE ANOVA

O sector de Davide Rodríguez opta por non apresentar lista e declina estar na oficial por "non ser de consenso"

O sector de Davide Rodríguez opta por non apresentar lista e declina estar na oficial por "non ser de consenso"
Davide Rodríguez, nun acto de En Marea
Davide Rodríguez, nun acto de En Marea  Foto: En Marea

Desenlace surprendente no gume da navalla, á beira do fechamento do prazo para a apresentación das candidaturas. Ao fin abriuse paso un cenario imprevisto: nen hai consenso nen hai confronto entre dúas listas. O sector de Davide Rodríguez opta por non concorrer cunha candidatura propia.


Nen propoñen lista propia nen consideran de consenso a lista oficial, que fica como a única en liza na III Asemblea Nacional.

Non fructificou, pois, o esforzo realizado por Antón Sánchez, o número 1 da candidatura oficial, para tecer unha lista única. Nen houbo integración na Marea no seu momento nen a hai en Anova e en ambos casos con Davide Rodríguez como abandeirado do sector crítico. En declaracións a Europa Press, o parlamentar afirmou que non participarán na candidatura de integración que lles ofereceu Sánchez -na que figura o líder histórico Xosé Manuel Beiras e o alcalde de Santiago Martiño Noriega- por considerar que non representa suficientemente as bases da organización, argumento moi semellante ao que apelou cando -nese caso, si- se animou a promover unha lista nas primarias de En Marea sob o nome de Somos Quen.

Haberá que agardar, pois, á votación da candidatura -cantos votos en branco, cantas abstencións- para medir a forza de oficialistas e críticos neste conclave de Anova.

A Asemblea escollerá os 50 integrantes da Coordenadora Nacional e este órgao, con posterioridade, acrecentado por 25 representantes das organizacións territoriais, será o que elexa a portavocía nacional.

Para este cargo todos os ollos están postos en Antón Sánchez, número 1 da candidatura única e persoa da máxima confianza quer de Xosé Manuel Beiras quer de Martiño Noriega.
 



x