BEIRAS RESPALDA A EMENDA Á TOTALIDADE AOS TEXTOS OFICIAIS

O sector crítico con Villares volta a propor unha portavocía colexiada e rotatoria

O sector crítico con Villares volta a propor unha portavocía colexiada e rotatoria
Beiras e Villares, na dirección da confluencia en agosto de 2016
Beiras e Villares, na dirección da confluencia en agosto de 2016  

Villares terá que superar un novo match ball na asemblea de En Marea deste sábado. O relatorio presentado polo sector crítico da organización como emenda á totalidade dos textos oficiais, baixo a lenda de “Recuperar en marea”, volta a defender o carácter colexiado, rotatorio e paritario da portavocía da organización, fronte á posición dos villaristas. Beiras respalda o texto e distánciase así do actual portavoz da confluencia.


Así no apartado 2.2.3 do documento titulado “Regulamento do Consello de En Marea” recóllese que “As voceirías serán colexiadas, paritarias e rotatorias (producíndose a rotación cada seis  meses) e quedarán conformadas por dúas mulleres e un home”. No caso de ficar aprobada esta proposta, En Marea abrazaría a fórmula defendida pola candidatura Máis Alá nas primarias de xaneiro deste ano, contraria á reunión nunha soa figura das portavocías orgánica e parlamentar. Alén do máis, o triunvirato que liderase a confluencia tería que ser renovado cada seis meses. Os críticos tampouco queren que teña ningunha función nen xerárquica nen de "dirección". A portavocía sería todo o máis un cargo simbólico.

 

Os textos alternativos impulsados por Recuperar en Marea -corrente da que fan parte Anova, Esquerda Unida, PCE, FPG, Marea Atlántica ou Compostela Aberta- impugnan na súa medular a proposta dos oficialistas. Primeiramente porque poñen outra vez en cuestión a continuidade de Luís Villares e o seu papel como portavoz da organización, aspecto ao que fía boa parte da súa estratexia a oficialidade da confluencia. En segundo lugar, porque confrontan o modelo de organización que se impulsa desde a coordinadora, fundamentado nun liderado forte e con, din, semellanzas a un partido clásico. Por último, o documento crítico defende unha formulación de organización máis horizontal, cuns órganos de dirección cunha capacidade de decisión limitada polas bases, cunhas mareas locais con máis autonomía fronte á dirección central e cunha aposta decidida polo asemblearismo. Desde o villarismo o que se argumenta, por contra, é que a corrente crítica o que pretende é a hexemonía dos aparatos partidarios pre-existentes sobre "as persoas inscritas" e que En Marea funcione na práctica como unha coalición e non como unha organización de adscrición basicamente individual, un suxeito político cidadanista non controlado polos vellos aparellos.

 

A proposta de teses formuladas desde o sector crítico concrétase en 7 documentos que cobren quer o abano político quer o organizativo. Así entre os primeiros destacan a achega sobre o modelo de financiamento autonómico e o relatorio denominado En Marea como instrumento político da maioría social. Sobrancea entre os segundos aqueles que se refiren á regulamentación dos órganos de dirección interna, ás relacións entre a estrutura nacional e ás mareas locais e o réxime financeiro da confluencia. Neste último, abórdase, mais unha vez, o capítulo da retribución das persoas electas de En Marea, aspecto que xa provocou ao longo da semana un vivo enfrontamento nas redes sociais. Neste sentido, formúlase como novidade a supresión da compensación aos parlamentares no caso de o salario no Hórreo non cobrir os ingresos da súa actividade privada.

 

Xosé Manuel Beiras é un dos últimos dirixentes de En Marea que fixo público o seu apoio político aos textos alternativos aos oficiais. Fíxoo através da súa conta en Twitter.

 

 

 

A decisión do fundador de Anova é unha das grandes sorpresas que depara este proceso, xa que até o momento foi un dos maiores defensores de Luís Villares, primeiro na súa batalla contra a Marea Atlántica e despois como portavoz de En Marea contra o criterio da súa propia formación. Que Beiras poña terra de por medio a respeito do sector villarista resolve unha das grandes incógnitas desde que comezou este último proceso e significa un duro golpe para o sector maioritario na dirección e para o propio Villares.

 



x