De La Serna volta a enarborar o falso argumento orzamentario para vetar a transferencia da AP9

De La Serna volta a enarborar o falso argumento orzamentario para vetar a transferencia da AP9

O ministro de Fomento fai abstracción de que a segunda das proposicións de lei aprobadas por unanimidade polo Parlamento galego excluía o cenario do resgate da concesión, si presente na primeira das iniciativas. De acordo coa literalidade do texto, a AP-9 pasaría a control da Xunta sen ningún gasto para o Estado.


O Goberno estatal non move nen un milímetro a súa posición contraria á transferencia da AP-9 a Galiza. Iso é o que se tira do contido da pergunta dirixida pola parlamentar de En Marea Alexandra Fernández ao ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, na sesión de control do Congreso ao Goberno desta cuarta feira.

 

A Moncloa argumentou no seu día que a proposición de lei do Parlamento galego representaba un incremento dos gastos previstos nos orzamentos do Estado. Utilizaba para avalar o seu veto o artigo 134.6 da Constitución española, segundo o cal toda "proposición ou emenda que supoña incremento nos créditos ou diminución dos ingresos orzamentais requerirá a conformidade do Goberno para a súa tramitación".

 

Ocorre que o Parlamento galego -ao serlle vetada a tramitación dunha primeira proposición de lei, a rexistada no BOE do Congreso a 9 de setembro de 2016- aprobou unha nova iniciativa, en xaneiro de 2017, en que se eliminaba calquera referencia a un hipotético incremento nos créditos. PP, En Marea, PSdeG e BNG acordaban retirar desa segunda proposición calquera vestixio dun eventual resgate económico da auto-estrada, precisamente para evitar o bloqueo do Goberno á súa tramitación. Foi inútil. O 5 de setembro dese ano, a Mesa do Congreso comunicaba que a PDL non se tramitaría por non obter o plácet da Moncloa.

 

"Aplicamos con absoluto rigor a capacidade de veto que nos dá a Constitución española", afirmou esta cuarta feira no Pleno o ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, quen tamén enfatizou que "supuñan calquera delas [reférese ás dúas PDL] un incremento orzamental de 4.000 millóns de euros".

 

De la Serna -quen aparece nas cábalas sucesorias de Rajoy como un novo rival de Feijóo- quixo darlle a volta ao argumento de que Galiza está discriminada pola Moncloa -Alexandra Fernández falou das transferencias das autoestradas vascas e catalás- e tentou tirarlle rédito político á posta en marcha "dunha comisión de seguimento" da AP-9 conxuntamente coa Xunta. Atribuíu a ese organismo a asunción por parte do Estado da bonificación das portaxes "entre A Coruña e A Barcala e O Morrazo-Vigo", ben como as negociacións en curso para "eliminar a peaxe entre Rande e Vigo", conversas co alcalde de Redondela incluídas.

 

Na súa intervención, a parlamentar de En Marea e militante de Anova Alexandra Fernández denunciou que "PP e Audasa levan anos sendo o tándem do espolio en Galiza". A AP-9, enfatizou, é "unha herdanza do franquismo [foi concesionada en 1973] e vostés rehipotecárona até 2048". 
 



x