“Ola República!”, o soberanismo galego parabeniza o paso dado por Catalunya

“Ola República!”, o soberanismo galego parabeniza o paso dado por Catalunya

BNG, Anova, Galiza Nova, Causa Galiza ou Xeira, entre outros, amosan nas redes sociais o seu apoio á declaración de independencia catalá.


Non por citada e coñecida perde vixencia e sentido a frase de Pablo Neruda de que “a solidariedade é a tenrura dos pobos”. Expresión que resumiu o sentir de diferentes organizacións e entidades do soberanismo galego esta sexta feira a respecto de Catalunya. Colectivos, partidos e asociacións aproveitaron as redes sociais para enviar unha primeira mensaxe de apoio e alento ao pobo catalá.

 

“Respecto e apoio á decisión democrática do Parlament. Vontade de nación, dereito a sermos libres. Ola República!”, dicía o BNG na súa conta oficial. Desde Anova, de por parte, afirmaban que “non hai nada que xustifique o 155. Nós estamos coa democracia, a República e a Catalunya rebelde”.

 

“Damos a benvida á nova República Catalá”, expresaban desde Galiza Nova, mentres que Xeira mandaba “moita forza para as compañeiras catalás na construción da súa República”. A FPG afirmaba, pola súa banda, que “a ruptura co réxime podre borbónico comeza coa proclamación da República Catalá”.

 

Desde a UPG “saúdan” a nova República Catalá, que “responde á vontade democrática do pobo de Catalunya”; mentres que o MGS lembra que “os pobos teñen que loitar para vencer. Parabéns aos Países Cataláns no día da proclamación da súa República”. Causa Galiza daba a través do seu twitter a “benvida á República Catalá”,engadindo que “máis cedo do que tarde Galiza constituirá a súa República”. Breves, Agora Galiza, puña nas redes nada máis de declarar a independencia unha estalada cunha lenda curta e directa: “Bravo!”

 

No outro extremo, Núñez Feijóo, que chamaba a cataláns e galegos a “construír xuntos un futuro mellor para todos os españois”. Desde PSdeG, a media tarde desta sexta feria, non había declaracións ao respecto.



x