O presidente de Uruguai retorna ao país dos seus devanceiros

O presidente de Uruguai retorna ao país dos seus devanceiros
Tabaré Vázquez asinando no libro de honra de Compostela
Tabaré Vázquez asinando no libro de honra de Compostela  

Neto de galegos, o presidente de Uruguai presentou un plan de investimentos por valor de máis de 11.500 millóns de euros.


Tabaré Vázquez chegou a Galiza cunha dupla motivación: presentar ao tecido empresarial e institucional galego o ambicioso plan de investimentos que está a impulsar o seu goberno e coñecer o país de onde partiron os seus avós, el de Ourense e ela de Compostela. O presidente uruguaio chegou a Galiza, ademais, cando se fan dous anos da súa vitoria nas eleccións presidenciais de 2014, comicios nos que o 'Frente Amplio' revalidou nas urnas o seu triunfo.

Nesta visita, Vázquez reuniuse co presidente da Xunta e co alcalde de Compostela, ademais de saudar representantes de diversas forzas políticas e dos axentes sociais. O mandatario trae un ambicioso plan de investimentos, por valor de 11.600 millóns de euros, que expuxo en Galiza. Comunicacións, sector enerxético, transportes... son algúns dos campos que entran deste plan e no que podene star interesadas empresas galegas.

O presidente mantivo un encontro na rúa con compatriotas que se achegaron a saudalo, hai uns 2.000 residindo en Galiza, e participou na ofrenda flotal ao busto do xeneral Gervasio Artigas, heroe nacional uruguaio, que hai nun barrio da capital galega.

En Uruguai hai 40.660 galegos, unha cifra que indica a importancia que a comunidade galega tivo nese país. Tabaré Vázquez é neto de emigrantes de Ourense e Compostela. Compaxinou os seus estudos con épocas nas que tivo que porse a traballar para manter os seus. En 2005 foi eleito presidente de Uruguai, cargo que ocupou até 2010, cando pasou o testemuño a Mújica, que dirixíu o país até 2014. O 'galego' Vázquez volveu entón encabezar a candidatura do FA,formando tándem con Raúl Sendic, e impóndose en segunda volta co 53,5% dos votos ao candidato da dereita.