RUBÉN CELA, PERANTE A XVI ASEMBLEA NACIONAL DO BNG

"Estas teses analisan desde as mudanzas habidas no país até o Brexit e a chegada de Trump"

"Estas teses analisan desde as mudanzas habidas no país até o Brexit e a chegada de Trump"
Rubén Cela, nunha conferencia de imprensa.
Rubén Cela, nunha conferencia de imprensa.  

O rascuño das teses do BNG para a súa XVI Asemblea Nacional están prontas para o seu debate este sábado no Consello Nacional da formación frentista. Nesta entrevista avánzanos algúns dos trazos do relatorio o responsábel de Comunicación do BNG, Rubén Cela.


-O Consello Nacional aproba este sábado o rascuño das teses do BNG para a XVI Asemblea Nacional. Podemos dicer que incorpora o espírito das conclusións do Proceso Adiante [dinámica de debate aberta a persoas simpatizantes desenvolvida polo Bloque durante 2016]?

-Eu creo que en grande medida, si. Son unhas teses que reactualizan a análise do nacionalismo, que se debruzan sobre a conxuntura política actual quer a nível de estado quer a nível mundial. O BNG é unha organización con vocación transformadora e para transformar ti tes que ter capacidade de ler correctamente o que pasa na túa contorna e, portanto, non ter análises estáticas das cousas, senón ser capaz de, se é posíbel, antecipar cousas que poden pasar e, nese sentido, estas teses analisan desde o Brexit até a chegada de Trump, desde o que está acontecendo en Siria aos fenómenos migratorios actuais. A nível internacional, actualizan algunhas das cuestións que están acontecendo. Na esfera estatal estudamos tamén cal é o novo panorama político, con dous elementos que xogan un rol importante na análise, como son a eclosión de novas forzas políticas e as consecuencias prácticas que diso decorre e, por suposto, o proceso soberanista en Catalunya. Mais despois o que fai, e iso entronca moito co Proceso Adiante, é unha reactualización das análises que o nacionalismo fai do propio país. E aí o que hai é unha reafirmación de que as análises históricas do nacionalismo son correctas. E, portanto, a conceitualización colonial de Galiza en termos económicos e sociais ou ben a radiografía de cuestións que teñen a ver coa nosa cultura, co noso idioma, coa nosa estrutura produtiva... aí vemos que no fundamental seguen vixentes cousas que dicíamos hai vinte ou trinta anos; mesmo algunhas delas tiveron unha grandísima capacidade preditiva, sobre todo no que ten a ver coa UE, o BNG practicamente era a única forza política no Estado que dicía o que ía supor Maastricht, o Mercado Común, a entrada do euro. Moitas das cousas que o BNG prognosticaba hai 10 ou 15 anos pois hoxe se pode verificar que estaban no certo.

Para transformar ti tes que ter capacidade de ler correctamente o que pasa na túa contorna e, portanto, non ter análises estáticas das cousas

Entón, o groso de todo iso continúa a ser correcto, mais tamén é certo que o país ten mudado, e moito, nos últimos anos e en múltiples aspectos. O que fai o BNG tamén é unha actualización das súas análises en cuestións que teñen experimentado cambios importantes, como o tema demográfico, como a realidade lingüística, como a emigración, como as consecuencias prácticas para a clase traballadora da xestión da actual crise e demais. Ten unha primeira parte de reactualización de análises, mesmo tamén de principios-ideolóxicos políticos, tomando como ponto de partida os principios de Riazor, que continúan plenamente vixentes. Falo de Galiza-nación, autodeterminación, anti-imperialismo, pacifismo, direito a unha economía autocentrada, a unha política económica e social xusta. Pois ben, trátase de actualizar todo isto coa incorporación de elementos que xa facían parte do ADN e, sobre todo, da práctica política do BNG durante todos estes anos, desde o ecoloxismo, os direitos da chamada segunda xeración, o laicismo, toda unha serie de cuestións que se actualizan e se incorporan. Hai tamén unha actualización desde a perspectiva de que nos dotaremos duns novos estatutos e, polo tanto, unha nova carta de direitos e deberes para a militancia do BNG. Neses novos estatutos incorpóranse cousas que para nós son importantes como unha institucionalización do rol das persoas simpatizantes, das asembleas abertas. Unha nova funcionalidade da comisión de garantías, que non só vai actuar en caso de conflitos, senón tamén para garantir o cumprimento de, por exemplo, os acordos asembleares. Ou unha revisión do propio mapa comarcal do BNG, por pór só algúns exemplos. No fondo, o que hai é unha reactualización para ter unha organización máis forte e con maior capacidade política e de incidencia social práctica.

En realidade, ese é o grande repto desta asemblea, como actualizar para relanzar e repotenciar o proxecto do nacionalismo político na Galiza.

 

Rubén Cela

 

 

 

 

-No meio deste proceso produciuse a integración no Bloque da Fronte Obreira Galega (FOGA) que obxectivamente é un elemento que reforzaría o frentismo como unha característica intrínseca da organización.

-O BNG é unha organización plural. Ese é un dos elementos consustanciais á propia existencia do Bloque. Como se artella esa pluralidade? Ben, o BNG escolleu no seu día un modelo que foi tremendamente novidoso e singular. Un modelo de estrutura frentista, de adscrición individual, mais onde existen partidos e colectivos que representan opcións ideolóxicas diferentes, organizados e recoñecidos. Creo que foi un modelo moi válido durante moitos anos e que continúa tendo validez para moitos outros. Entre outras cousas, se te fixas... a ver, nós moitas veces non poñemos suficientemente en valor algúns dos acertos e algúns dos adiantos do BNG... O modelo do BNG foi no que se inspirou no seu día o Bloco de Esquerda en Portugal, mesmo tomou como referencia para o seu logotipo o de Galiza Nova. Tamén ollaron para nós o Bloc Nacionalista Valencià ou, salvando as distancias, porque é un modelo que aínda está en construción, a propia Bildu ou a Fronte Ampla uruguaia e outro tipo de organizacións. En definitiva, o BNG foi un adiantado ao seu tempo e xa no ano 82 foi quen de se dotar dun esquema organizativo propio e congruente e coherente coas análises ideolóxico-políticas que facíamos e que facemos. O BNG sempre identificou a realidade galega como unha realidade colonial e por iso sempre entendeu que un proceso de liberación nacional, nun país con moi pouca consciencia de seu, debía ser capaz de aglutinar todos os sectores que obxectivamente defenden Galiza como suxeito político con capacidade de decisión. E iso á marxe de que uns podan ser marxistas, outros socialdemócratas, outros socialistas, outros máis liberais ou o que sexa. Esa diversidade sempre é boa, sempre é enriquecedora e, desde logo, eu prefiro moito máis que poda haber diferenzas e mesmo debates de fondo sobre cuestións ideolóxicas do que sobre familias ou correntes de poder. Nese sentido, o da FOGA é unha moi boa noticia. Sempre que se incorpora alguén é unha moi boa noticia. E reforza ese espírito do BNG como casa común do conxunto do nacionalismo. Nese sentido, a de FOGA é a primeira incorporación colectiva do BNG en bastantes anos. Eu estou seguro que non será a última. Mais alén do que son as incorporacións colectivas, o que si temos detectado nos últimos tempos é un número de altas moi importante no BNG. Xente moi nova, ademais.

Dotarémonos duns novos estatutos e, polo tanto, unha nova carta de direitos e deberes para a militancia do BNG

-Mais o BNG se está a constituír exclusivamente como unha fronte de esquerda? Os partidos que están dentro, incluído a FOGA, teñen esa orientación...

-Ben, se entendes por esquerda un proxecto político ao servizo da causa nacional e a favor da defensa dos intereses das clases populares galegas, pois si. Ora, dentro deses obxectivos hai espazo para un espectro ideolóxico amplo, tamén. Aquí no BNG houbo organizacións integradas como o PNG-PG sen que iso mermase en absoluto o papel do Bloque como forza anti-imperialista, como forza solidaria con determinadas causas do planeta ou cun determinado modelo de xustiza social. Eu creo que en absoluto é incompatíbel.

-Por primeira vez en moito tempo, o Bloque irradia optimismo. Non pode ter isto como contrapartida negativa que algúns instintos conservadores de vellas inercias se reactiven?

-Eu creo que non. Hai optimismo no BNG. Pasamos anos moi difíceis e obxectivamente complicados, no plano interno e no externo. E eu creo que hai optimismo porque hoxe a inmensa maioría da militancia do BNG está reafirmada nos pasos que se teñen dado nos últimos anos, sobre todo aqueles que teñen a ver con garantir que siga existindo na Galiza unha expresión política nacionalista, propia, independente, e sen nengún tipo de atadura con ningún ámbito extra-galego. Todos somos conscientes de que o camiño non é doado, non é rápido, pero é o correcto. E nese sentido ese é un dos elementos importantes que explican por que hai optimismo. A partir daí, entramos nunha nova etapa, onde hai un relevo xeracional importante, onde temos unha portavoz nacional moi nova, unha persoa moi preparada, con moita formación política no ideolóxico, mais tamén no práctico e onde hai moita xente que ve que estamos en disposición de remontar. E non só recuperar espazo e tempo perdidos, senón mesmo a meio prazo en disposición de poder ampliarmos e agrandarmos a base social e eleitoral do nacionalismo. En todo caso, esa é unha das grandes cuestións que hai no trasfondo desta asemblea nacional, e é que o BNG non pode nen debe ser exclusiva nen fundamentalmente unha maquinaria eleitoral. Nós como organización política apresentámonos ás eleccións. Quen se apresenta ás eleccións sempre quer ter o mellor resultado posíbel. Para nós as institucións son un elemento básico nese proceso de autoestima colectiva e para as pór ao servizo da conquista da liberdade para o noso país. Ora ben, non ten que ser o único ámbito de traballo para unha organización política como o BNG. Esa componente de traballo social, de mobilización, de actuar transversalmente noutros ámbitos de actuación como o lingüístico, como o cultural, como o sindical, ten que ser unha preocupación permanente do BNG e non exclusivamente o ámbito eleitoral e institucional.

5-Nese sentido estaría a definición do BNG como "movimento socio-político" que se avanza no rascuño das teses. Para que iso non fique na abstracción, que contidos concretos pode incorporar?

-Pois un pouco na liña do que estabamos a falar. Eu creo que na práctica sempre o foi. Unha cousa é que agora te definas como un movimento socio-político, que te reafirmes nas teses que aspiras a ser algo máis que unha maquinaria político-eleitoral, e outra cousa é que o BNG en grande medida sempre foi iso. A necesidade de saber compaxinar o que é o traballo institucional co social, e tamén entender que un proceso de liberación nacional nunca se vai levar exclusivamente pola vía institucional-eleitoral. Ese ten de ser un elemento crucial, mais non o único. O aumento da conciencia nacional, da auto-organización do pobo galego, da autoestima... para todo iso é moi importante o traballo que o nacionalismo poda facer desde as institucións, mais sería un erro garrafal entender que todo se vai conseguir por esa vía, porque non é certo.

-O que si é verdade é que a maior parte dos cadros do Bloque están máis na fronte institucional do que na social. Iso como se pode contrabalancear?

-Ben, pois dándolle máis importancia a outros ámbitos de actuación. No BNG, por necesidade tamén, sempre as persoas con maior cualificación, con maior preparación, con maior capacidade dialéctica, sempre se intentaron promocionar nos ámbitos institucionais, moi limitados tamén para o Bloque. Do que se trata agora é de valorizar outro tipo de ámbitos e tamén primalos internamente. Nese sentido nestas teses fálase de reforzar o papel da Fundación Galiza Sempre nun ámbito moi importante, o da formación, que no nacionalismo non se atendeu debidamente durante os últimos anos. Non gosto do termo think tank, pero si tencionamos facer da Fundación Galiza Sempre unha escola de formación de cadros. E esa escola ten que ter unha parte institucional, mais outra que non o sexa, senón de formación en temas moi variados e tamén xogar un rol de fornecedor de análises e de propostas para a práctica política do nacionalismo. E logo o BNG sempre estivo presente... non houbo ningún conflito, ningunha mobilización, nen nada que se movese minimamente neste país, en que non estivese o BNG. En todo caso, sempre se pode facer máis e mellor.

Hoxe a inmensa maioría da militancia do BNG está reafirmada nos pasos que se teñen dado nos últimos anos

-Última cuestión. Na fin de semana realizaron as súas respectivas cimeiras estatais dúas formacións políticas relevantes no noso país. Unha, a hexemónica, o PP. A outra, Podemos, con importante presenza no interior de En Marea. Que valoración fas dos seus procesos congresuais?

-Pois que teñen unha grande similitude nunha cousa: que neses encontros existiu unha ausencia total de Galiza como suxeito político. Total ausencia. O país non apareceu nen moito nen pouco. Cero. Supoño que haberá moitas galegas e moitos galegos que dirán: "sobre as nosas necesidades e sobre o noso país, de que se falou?". E tamén creo que en ambos casos o que era o temario asemblear ou congresual pois está tremendamente distante do que son as necesidades e as inquedanzas da maioría da populación. No caso do PP, no proceso non houbo nen a máis mínima autocrítica, nen sequer de paripé, nen a respeito da corrupción nen a respeito das consecuencias prácticas que tivo a súa xestión da crise. Recoñecer un erro non implica que se vaia solucionar, mais cando nen sequer recoñeces que errache, o único que podes agardar do PP é máis do mesmo. Máis continuismo, máis políticas de direitas e máis españolismo. No caso de Podemos, tampouco seguín moito os debates congresuais, mireino todo con bastante distancia, mais desde fóra o que parece é que algo que se nos vendeu como moi novidoso, como moi anti-político, no sentido do que eran os vellos esquemas de funcionamento e as dialécticas internas das organizacións políticas, pois ao final... ben, creo que se viu que na súa práctica concreta e real non son moi diferentes a algúns dos ticks da máis vella e da máis rancia política.

 

As fotografías son, de arriba a abaixo, do BNG e de X.M.

Nota de Sermos: Entrevistamos tamén Rubén Cela no número 234 do semanario, desta volta na súa condición de portavoz do grupo municipal do BNG en Compostela. A conversa debrúzase sobre o acordo alcanzado na negociación orzamental con Compostela Aberta. No interior deste texto aparece a reprodución en miniatura dunha entrevista que poderás ler no noso semanario, disponíbel nos pontos de venda habituais e tamén na nosa loxa.



x