CS SOBE A CUSTA DO PP, MENTRES CAE UNIDOS PODEMOS

O tripartito do 155 reuniría 69,57 por cento dos votos, segundo o CIS

O tripartito do 155 reuniría 69,57 por cento dos votos, segundo o CIS
Rivera e Sánchez
Rivera e Sánchez  

O tripartito do artigo 155 (PP, Cs e PSOE) conseguiu nas eleccións de xuño de 2016 68,7 por cento. Neste momento terían un ponto máis. A correlación interna sinala unha considerábel suba do partido de Albert Rivera, basicamente a custa do PP. Mentres, Unidos Podemos confirma a súa tendencia á baixa. En Marea tería 1,3 por cento dos votos face o 1,44 por cento das últimas xerais.


O Partido Popular voltaría a se impor nas eleccións xerais de se realizaren agora mais cedería até 5 pontos a respeito do seu score da convocatoria ás urnas de xuño de 2016, ao ficar en 28 por cento do voto.

 

Onde vai ese 5 por cento do voto que perde a formación conservadora? Basicamente ao Cs de Albert Rivera, quen estaría a rentabilizar a súa actuación no conflito con Catalunya. O partido laranxa aumentaría 4,5 pontos a respeito das xerais, ao pasar de 13 a 17,5 por cento.

 

O PSOE de Pedro Sánchez cedería 0,7 décimas a respeito do barómetro de xullo, mais continuaría en boa posición se a compararmos coas xerais de 2016. Naquela altura o partido socialdemócrata tivo 22,7 por cento das papeletas. Neste momento alcanzaría 24,2 por cento.

 

Por súa parte, Unidos Podemos e as confluencias confirman a tendencia á baixa que sinalan todos os inquéritos disponíbeis, o que se traduce nunha perda de 2,6 por cento dos seus apoios en relación aos resultados de setembro de 2016.

 

Con todo, o desgaste é máis de Podemos do que das súas aliadas nas nacións sen Estado. Nas circunscricións nas que se apresenta como tal, a marca de Pablo Iglesias e Alberto Garzón ve minguados os seus apoios: do 13,4 a 11,2 por cento. En troca, os seus referentes En Marea, Catalunya sí que es Pot e Compromís -este último claramente máis distante de Podemos do que aqueles- manteñen mellor o tipo.

 

Destarte, En Marea cede unha décima (de 1,44 a 1,3 por cento), Catalunya sí que es Pot mantense (primeira forza en Catalunya co mesmo 3,5 por cento de 2016) e Compromís deíxase polo camiño dúas décimas, de 2,7 a 2,5 por cento.

 

Soberanistas

 

Canto ás forzas soberanistas, ERC subiría moi lixeiramente (de 2,63 por cento a 2,7), o PDeCAT caería (de 2,01 a 1,6 por cento), EH Bildu mantense (0,7 por cento) e o PNV sobe (de 1,19 a 1,3 por cento).

 

 

 

 



x