A UPG chama a “superar o marco autonómico” no seu tributo a Moncho Reboiras

A UPG chama a “superar o marco autonómico” no seu tributo a Moncho Reboiras
Acto político no Cantón [Foto: UMG]
Acto político no Cantón [Foto: UMG]  

O secretario xeral da UPG, Néstor Rego, defendeu a necesidade de superar “o actual marco político da Constitución e o Estatuto para podermos decidir sobre o noso de maneira soberana” e reiterou o apoio do nacionalismo galego ao proceso independentista en Catalunya.


A Unión do Povo Galego (UPG) rendeu máis un ano tributo a Xosé Ramón Reboiras Noia, “Moncho Reboiras”, militante do partido comunista e patriótico que foi asasinado o 12 de agosto de 1975 pola policía española na ferrolá rúa da Terra. A homenaxe principiou pola mañá no cemiterio de Imo (Dodro), cunha ofrenda floral. Despois tivo lugar un xantar de confraternidade en Fene que foi seguido dunha “sobremesa de debate” baixo o título “Construíndo a soberanía de Galiza hoxe”. Ás sete da tarde realizouse a tradicional concentración diante do portal número 27 da rúa da Terra, cunha breve intervención a cargo de Iván Ribas, voceiro do BNG en Ferrol, para deseguido principiar un acto político no Cantón, que desta volta contou coas intervencións de Sandra Permui, concelleira e portavoz municipal do BNG en Fene, Adrián R. Bravo, secretario xeral da Unión da Mocidade Galega (UMG) e mais Néstor Rego, secretario xeral da UPG. Os actos de tributo á figura de Reboiras serviron tamén para para denunciaren a “encarnizada persecución a que foi sometida a militancia da UPG nos anos finais da ditadura franquista”.

 

Soberanía

upg03Rego, centrou a súa intervención na defensa da “necesidade de soberanía” para  Galiza, no marco do debate aberto no Estado por causa do proceso independentista en Catalunya. Para o secretario xeral da UPG, a cuestión nacional vai ser o “eixo” que defina o novo período político e defendeu que o nacionalismo galego actúe para lograr que en Galiza o debate xire “sobre a necesidade de soberanía para o noso País”.  “O que nos interesa é que aquí o debate se centre sobre o noso País, sobre a necesidade de superar o actual marco político da Constitución e o Estatuto para podermos decidir sobre o noso de maneira soberana. Ese é o esforzo que vai facer o nacionalismo nos próximos meses. Explicar socialmente as razóns para a soberanía da Galiza. Cataluña vai lograr antes ou despois a súa independencia. A nosa temos que conquistala nós e só podemos facelo gañando o povo para a nosa causa”, afirmou.

 

A respeito do proceso catalán, o secretario xeral da UPG asegurou o apoio do nacionalismo galego ao referendo de autodeterminación de Catalunya. “Non xa por unha cuestión de solidariedade, senón porque a loita do povo catalán é a nosa mesma loita”, explicou. Neste sentido, Rego chamou a prepararse fronte a reacción “autoritaria e antidemocrática” coa que, na súa opinión, o rexime político español tencionará tronzar as loitas soberanistas e “cercear inda máis as liberdades democráticas e os dereitos individuais e colectivos”. 

 

Críticas á “esquerda española”

Segundo Néstor Rego a esquerda española "escolleu --como sempre-- xogar ao chovisimo"

O secretario xeral da UPG cargou tamén con dureza contra a posición que as forzas da “esquerda española” manteñen a respeito do referendo do 1-O en Catalunya, acusando tanto á vella esquerda (PCE e Esquerda Unida) ou a “nova autoproclamada esquerda rupturista”, en alusión a Podemos, de prestaren “un novo e impagábel servizo á oligarquía española posicionándose rotundamente contra o referendo de autodeterminación que Catalunya vai realizar no día 1 de outubro”. Unha actitude, que equiparou á mantida polo PCE durante a chamada Transición, colaborando “para a reforma que garantiu a continuidade do Estado español unitario e para a lexitimación como Xefe de Estado dos Borbóns”. 

 

upg02Para Rego, “unha verdadeira esquerda española que merecese ese nome apoiaría o proceso de emancipación das nacións oprimidas e aproveitaría o enfraquecemento político do sistema para derrubar o Estado burgués da nación opresora”.  “Non é que tivesen que ser a favor da independencia de Cataluña. Chegaba simplemente con que fosen demócratas. No entanto, o máximo dirixente da UPG lamentou que nada diso está a acontecer. “Todo o contrario, escolleron –como sempre-- xogar ao chovinismo”. A este respeito rexeitou, de plano, o argumento de que o referendo non ten sido acordado co Estado español como xustificación para non o apoiar.  “Pode a ruptura ser pactada coa oligarquía española? Alguén é capaz de manter iso seriamente? Quen sosteña que a revolución pode ser acordada cos opresores é que renunciou definitivamente a ela”, aseverou.

 

Organización e activismo

Recoñecendo o “firme e activo compromiso militante” de Moncho Reboiras, e chamando a recoller o seu exemplo de “fidelidade á causa da independencia nacional da Galiza” pola que entregou a vida, Néstor Rego destacou o enorme valor que para a UPG teñen a “organización e o activismo”. “A organización do noso povo é o labor máis importante que temos por diante”, proclamou. 

 

Neste sentido, Rego sinalou que a principal fortaleza dunha “organización política revolucionaria” radica “na capacidade de permeabilización social, de mobilización, e nunha militancia activa e ben formada”. “É esa fortaleza a que lle permite resistir nos momentos complexos e a que posibilita avanzar nos máis propicios. É a organización, a mobilización,  a imbricación na sociedade a que permite gañar apoios políticos e nesa medida tamén electorais. Esta debe ser sempre, por tanto, a nosa prioridade política”.

 

40 anos da UMG

Adrián R. Bravo reivindicou a UMG no seu 40 aniversario como “escola de militancia revolucionaria"

Este 12 de agosto cadrou tamén coa celebración do 40 aniversario da fundación da Unión da Mocidade Galega, a organización xuvenil da UPG.  O actual secretario xeral da UMG, Adrián R. Bravo, reivindicou a organización como “escola de militancia revolucionaria” poñendo en valor a achega desde a UMG “de activistas e cadros comprometidos coa plena emancipación social e nacional do noso País”. “Militantes entregadas e entregados que contribuíron e contribúen, a eito, ao fortalecemento do movemento nacionalista galego en todos os ámbitos de actuación, a principiar polo xuvenil e o estudantil, mais tamén no cultural, ambiental, na defensa da lingua, no sindical e na loita política”. Bravo chamou a toda a militancia da UMG a “contribuír con toda a nosa forza e dedicación á expansión de Erguer-Estudantes da Galiza por todo o territorio nacional” e a fortalecer Galiza Nova (as mocidades do BNG). 

 

Pola súa banda, Rego recoñeceulle á UMG ter cumprido cos obxectivos que a fixeron nacer: “o de ser escola de militancia comunista e patriótica e o de levar o nacionalismo e as posicións da UPG á mocidade galega”. “Os mozos e mozas militantes e amigas da UMG sodes a mellor garantía da continuidade do Partido e representades tamén a certeza de que máis cedo do que tarde a liberdade da Galiza será unha fecunda realidade”, proclamou.

 

A UMG realizou en Ferrol, o 11 e o 12 de agosto a cuarta edición das xornadas formativas "Moncho Reboiras", con diversas palestras e actividades.

 



x