DÍA DA PATRIA GALEGA

Vence: “Unidos temos máis forza”; Beiras: “Todos unidos pero non como un saco de area”

Vence: “Unidos temos máis forza”; Beiras: “Todos unidos pero non como un saco de area”
[Imaxe: BNG] Xavier Vence, na manifestación unitaria
[Imaxe: BNG] Xavier Vence, na manifestación unitaria  

Os portavoces do BNG, de Anova e de CxG apelaron á unidade nas súas intervencións con motivo do Día da Patria Galega.


En declaracións aos medios, Xavier Vence puxo de manifesto que a praza da Quintana ficou ateigada “nunha expresión de vontade de que unidos teremos máis forza para mudar as cousas e facer valer os intereses da nación galega no Estado e en Europa”. Salientou, a continuación, a “satisfacción” do Bloque por poder participar nun acto político de todo o nacionalismo unido, “de todos e todas as que confían nunha Galiza soberana”.

En relación á manifestación unitaria que encheu as rúas de Compostela, o portavoz nacional do BNG, que fixo fincapé na soberanía, sinalou que “cremos que é un chanzo para unir moita cidadanía e as formacións políticas que queren xuntar as súas forzas para que Galiza teña voz propia potente en todos os foros e, particularmente no Congreso”.

Beiras aposta por concorrer ás eleccións xerais con Galiza “como suxeito político soberano de seu”

Beiras, no acto de Anova en BonavalTamén aludiu ás eleccións xerais Beiras no acto político que, logo da manifestación unitaria na que participaron diversas organizacións, celebrou Anova en Bonaval. O portavoz da formación sinalou que Galiza debe concorrer ao Congreso “como suxeito político soberano de seu” e “en clave de nación galega”. 

Nunha intervención que comezou co Retorno a Tagen Ata, de Xosé Luís Méndez Ferrín, o responsábel de Anova fixo un paralelismo entre o caso grego e o galego, “o pobo grego perdeu a batalla pero gañará a guerra. Venceremos nós, todos unidos, pero non como un saco de area, senón artellados nas diversidades sociais e ideolóxicas”. Subliñou ao respecto que “non me vale a soberanía nacional sen soberanía popular”.

Ante unhas 500 persoas, entre as que se atopaban representantes de IU, con Yolanda Díaz á cabeza, e convidados das CUP, Beiras cominou a “algúns que agora están pola unidade” a “facer un estudo da memoria” e a “lembrar” o documento conxunto do Partido Socialista Galego e da UPG. Tamén apelou ao espírito da Xeración Nós, da que dixo que malia posuír como “única razón de existir o pobo galego e a nación galega”, tiña as fiestras ben abertas ao que estaba a acontecer”.

O portavoz de Anova reivindicou en Bonaval que “o salto cara adiante prodúcese desde abaixo”. Apuntou que “é no pobo onde se producen as mutacións profundas” e “esa é razón pola que este Día da Patria pasará á historia como o Día da Nación Galega”. “Alí estivemos nós”, engadiu, para salientar que a manifestación unitaria á que viña de asistir “foi convocada por xente do común e non pola burocracia do partido”. É importante, afirmou, “poñermos a lealdade do pobo por riba das lealdades políticas”.

Beiras finalizou o seu discurso co berro de “Viva Galiza ceibe e popular”. Ao pé do estrado agardábao Martiño Noriega, alcalde de Santiago, co que se fundiu nunha aperta, e Méndez Ferrín, ao que tamén saudou de maneira agarimosa.

No acto político de Anova, que continuaba cun xantar de confraternidade, tamén tomaron a palabra os representantes de Anova Sandra Pesqueiras (concelleira de Marín pola Marea), Alberte Lema, (concelleiro da Coruña pola Marea) e Dores Torrado (concelleira por Boiro en Común).

Compromiso por Galicia quere unha “Marea Galega” con BNG, Anova, Podemos e IU

Logo da manifestación unitaria, Compromiso por Galicia conmemorou o Día da Patria co seu propio acto no parque de Belvís, onde o seu secretario xeral, Xoán Bascuas, apostou por unha “Marea Galega” para as vindeiras eleccións xerais. “Nesa Marea Galega, que non debe ser só de nacionalistas, non sobraría ninguén, e faría falta tamén toda a forza da xente de Podemos, BNG, Anova, IU e Compromiso”, destacou. Neste sentido, Bascuas anunciou o inicio dunha rolda de contactos cos actores políticos, “máis sendo conscientes de que o verdadeiro protagonismo é da xente”. 



x