Villares desvía as perguntas sobre Quinteiro e Antón Sánchez desbota a consulta

Villares desvía as perguntas sobre Quinteiro e Antón Sánchez desbota a consulta
Villares e Lago
Villares e Lago  

O portavoz parlamentar, que compareceu con Manuel Lago para debullar os orzamentos, tivo que contestar até 10 perguntas sobre o affaire Quinteiro. En todas e cada unha das respostas foi polo mesmo rego, non hai novidades ao respeito e o motivo da comparecencia é a análise das contas do estado e as alternativas da confluencia. Por súa parte, nunha entrevista na RG, Antón Sánchez descartou implicitamente a consulta telemática proposta por Villares por considerar que o proceso revogatorio ten máis garantías.


O mono-tema arredor da confluencia continúa a ser a continuidade ou non de Paula Quinteiro, a parlamentar de Podemos-Anticapitalistas que se viu envolvida nun incidente coa policía local compostelá na noite do 17 ao 18 de marzo. O asunto dista de estar resolvido, sendo que a última proposta de Villares (submeter a cuestión a unha consulta telemática das bases) non conta co respaldo do sector crítico, tal e como xa informou Sermos. Esta segunda feira, e na liña do que xa avanzou este diario dixital, Antón Sánchez, portavoz nacional de Anova, defendeu na Radio Galega que o método máis garantista para pulsar a opinión das persoas inscritas é o procedimento revogatorio. Trataríase non de ir a un referendo, senón de convocar un plenario, o máximo órgao da confluencia en que poden participar todas as persoas inscritas. Para que sexa válido o seu veredito debería votar no mínimo 50 por cento do censo, por volta de 1.200 persoas, moi por cima da afluencia ao último conclave do partido instrumental (apenas 250).

 

E, mentres tanto, os cargos institucionais de En Marea non poden ir a unha comparecencia informativa sen se veren submetidos a un dioivo de perguntas sobre o affaire. Até con 10 tivo que lidar esta segunda feira Luís Villares. Levaba unha posición predefinida -non dar titulares sobre o asunto- e non se moveu nen un milímetro dela. Non hai "novidades" en relación a este caso e a confluencia "decepcionaría" se non tentase centrar o interese "informativo" nas súas propostas, argumentou Villares. Perguntado tamén Lago ao respeito, o parlamentar -independente, mais próximo a Esquerda Unida- contestou: "Entendo o interese por falar de temas que nós consideramos que non son problemas para o país. A min non me van quitar fóra da área que contribúa a que o país sexa mellor; falar de temas internos é perder o tempo".

 

Lago, en realidade, está en posicións críticas con Villares (aquel defende a continuidade de Quinteiro, este a súa demisión), mais mesmo así uníuse ao portavoz do grupo na tentativa de deitar un chisco de auga no lume. E inquirido sobre o mono-tema, respondeu: "Non te vou defraudar: onde hai portavoz non manda mariñeiro. Síntome claramente representado coas declaracións de Luís Villareas, compártoas ao 100 por 100. Non hai novidades neste tema".

 

E, por súa parte, e ao ser perguntado na Radio Galega pola consulta que propón Villares, Antón Sánchez expresouse nestes termos: "Hai previsto un procedimento revocatorio, pero con todas as garantías. A xente que ten que opinar ten que o facer sobre información nosa, non sobre o que pon a prensa; así, un expediente informativo e os procedimentos regulados son as claves neste asunto".

 

Nunha reflexión de carácter máis xeral, o líder de Anova dixo que acabará por ser "penalizado" quen, desde dentro da confluencia, se afastar da "idea da unidade popular".
 



x