Villares non ve "ningunha traizón" no seu cambio de alianzas no seo de En Marea

Villares non ve "ningunha traizón" no seu cambio de alianzas no seo de En Marea

Villares foi eleito portavoz de En Marea cos votos de correntes distintas a aquela pola que se apresentou como candidato ás primarias e após a esgazadura de Máis Alá. Nunha entrevista en Radio Galicia-Cadena SER, Villares considerou lexítima a súa política de alianzas interna.


"Todas as persoas que están no Consello das Mareas son persoas inscritas, son persoas leais ao espazo de confluencia, por tanto ningunha traizón pode haber aí", respondeu Villares á cuestión de por que apostou no pacto coas correntes Somos Quen e Queremos Participar no canto de preservar a cohesión da candidatura, Máis Alá, coa que concorreu ás primarias de xaneiro da confluencia.

A candidatura de Villares á portavocía orgánica rachou Máis Alá -non foi respaldada pola dirección de Anova, os sectores críticos de Podemos con Carmen Santos e a Marea Atlántica- e configurou unha nova maioría no seo da Coordenadora (executiva) composta polos villaristas, Somos Quen e Queremos Participar.

Na entrevista, Villares considerou lexítimo o pacto con todas as persoas integrantes da Coordenadora, incluíndo Consuelo Martínez (Cerna), persoa fortemente cuestionada por amplos sectores de Anova e Esquerda Unida á que se atribúe a esgazadura do grupo parlamentar de AGE a pasada lexislatura.

En todo caso, o líder da confluencia advoga por deixar atrás "o tempo do ruído" e defende que "desde xa a mensaxe nidia ten de ser que o que propomos, non o que nós somos internamente".

Villares tamén tivo palabras de agradecimento para o seu principal soporte interno, o líder histórico Xosé Manuel Beiras. "Se Beiras tivese querido asumir a portavocía eu non tiña inconveniente, mais Beiras quería que fose eu. Sempre dixen que non ía desautorizar Beiras, e nunca me ía posicionar contra el, porque foi o primeiro en dar pasos valentes cara á confluencia. Para min continúa a ser a referencia, sentinme arroupado por el en todo momento".

E sobre os reproches formulados contra o proceso por Xulio Ferreiro, Villares considerou que "todas as críticas son lexítimas se se fan con respeito, como foi o caso". "Polotanto, non hai ningún problema. Unha crítica nunca pode supor a perda de lexitimidade, teñen que ser ben saudadas e pouco máis que dicer".



x