Ferreiro repetiría como candidato se se mantiver a fórmula da Marea Atlántica

Ferreiro repetiría como candidato se se mantiver a fórmula da Marea Atlántica
Xulio Ferreiro
Xulio Ferreiro  Foto: X.M.

Xulio Ferreiro condiciona a súa candidatura á reelección como alcalde a que se manteña a marca pola que concorreu ás eleccións de maio de 2015. Nunha entrevista en Radio Coruña, o líder da Marea Atlántica deu un tépedo apoio a Luís Villares na súa condición de portavoz parlamentar de En Marea.


Primeiro en Radio Coruña, despois na súa conta twiter. Xulio Ferreiro oficializou esta cuarta feira 6-D a súa disposición a se candidatar á reelección como alcalde na Coruña, a completar o segundo mandato que lle é permitido polo código ético da Marea Atlántica. Só pon unha condición: que a candidatura sexa precisamente, esa, a da Marea Atlántica, non nengunha outra.

 

En realidade, todo indica que non hai ningún sector significativo do mundo mareante na Coruña que baralle un cenario distinto ao de que a lista que se apresente en maio de 2019 sexa a da Marea Atlántica. En Marea como organización política con personalidade propia podería apresentarse como tal en concellos sen presenza de mareas previas, mais este non sería o caso da Coruña. Calquera outra opción -a de que se apresentase Podemos en solitario ou en coligazón con Esquerda Unida, a rachar a fórmula orixinaria- non está nas previsións de ninguén relevante da formación morada.

 

Na entrevista, Ferreiro tamén outorgou o seu apoio -máis ben morno- ao portavoz do grupo parlamentar, Luís Villares, embora circunscribiu o respaldo á súa condición de voceiro no Hórreo e como parte dun recoñecimento xeral ao conxunto das deputadas e deputados.

 

"O rol efectivamente é bon, o papel de todo o grupo parlamentar, mais se digo a verdade teño a cabeza tan centrada na Coruña que ás veces me custa saber o que pasa máis alá da área metropolitana da Coruña", dixo Ferreiro.

 

 

 

 



x