A FONDO

Dos contos á lus do candil á cultura da imaxe


Dos contos á lus do candil á cultura da imaxe

O caderno A FONDO desta semana está dedicado á promoción da lectura. Xa á venda na nosa loxa.

“Non hai unha sociedade verdadeiramente democrática se non hai sociedade lectora”. Con esa contundencia expresa o escritor, editor  e xestor cultural Francisco Castro a importancia da promoción da lectura. Castro é o coordinador do caderno A FONDO desta semana, que pon en valor o hábito de ler derrubando as fronteiras mentais coas que acotío se enfronta esta cuestión.

Un tema, que malia a súa relevancia non merece de grande espazo nos medios, agás en publicacións especializadas. Eis a razón pola que Francisco Castro asumiu o repto de dedicar oito páxinas de Sermos Galiza a profundar no mundo da lectura.

O coordinador tense salientado polo seu compromiso activista neste eido. Son numerosos os seus apuntamentos nos que en chave crítica cuestiona os paradigmas aos que responde na actualidade a promoción da lectura, singularmente no ámbito escolar. A esta cuestión dedica o seu artigo, no que o título non deixa lugar ao suspense: “Menos gramática e máis fantasía”. Castro, liga lectura e escritura, considerando que ambas as facetas son indisociábeis, apostando pola escrita creativa como vieiro a estimular a fame lectora. “Aprendendo a escribir aprenden a ler. Doutro xeito máis cualificado, ademais, ao ser conscientes dos meafondolecturacanismos que poñen en práctica as escritoras e escritores cando constrúen unha historia ou dan forma a un poema”, explica. 

Concha Costas, presidenta de Espazo Lectura, derruba nunha entrevista os muros erguidos para restrinxir o concepto da lectura. “Cando falamos de lectura non podemos limitarnos a falar dos soportes”, opina. Para Costas, que fai parte dunha vizosa iniciativa de promoción da lectura na base,  “a aversión dalgúns sectores cara as pantallas é preocupante”. “O importante é que se lea”, enfatiza.  Aliás, discrepa do enfoque que reduce a lectura ao campo do lecer, concibíndoa como “un factor socializador” indispensábel para sermos “cidadanía crítica”.

Imaxe e verso

Nesa mesma liña de ruptura de arquetipos, incide o debuxante Jacobo Fernández Serrano, autor da serie de cómics infantís “Marcopola, a illa remeira”. O ilustrador fai valer as vantaxes da banda deseñada como un formato atractivo para seducir a crianzas e mocidade. “O debuxo é sinónimo de xogo e de lecer, e para que un neno xogue non precisamos de moita motivación”, defende. A partir da súa experiencia concreta, Fernández describe a potencialidade da banda deseñada como un “medio poderoso, atractivo e cunha enorme capacidade comunicativa”.

Varias especialistas chaman a considerar formatos diferentes á prosa en libro impreso

Perder o medo á poesía. Esa é a proposta do escritor e especialista en literatura infantil e xuvenil, Antonio García Teijeiro. O autor de “A poesía necesaria, lectura e creación poética dentro da aula”, reivindica un maior espazo para os textos en verso nas aulas. “Poesía para sorprender, para gañar a atención dos rapaces, para emocionar”, argumenta. Para García Teijeiro “a poesía non se ensina, contáxiase, vaise infiltrando en nós”. 

A mestra de infantil, Ángeles Abelleira Bardanca, cadra con Concha Costas na importancia da inmersión lectora das crianzas. A coautora de “InnovArte Educación Infantil” ofrece unha receita ben sinxela para animar a ler ás máis pequenas: “lendo moito, lendo a miúdo e lendo ben”. “Ler, ler e ler”, resume. Abelleira si defende o valor preeminente do libro escrito como soporte que permita unha “lectura en profundidade” e declárase partidaria do retorno da lectura en voz alta ás aulas. “Un neno ou unha nena que asocia un conto a un momento de pracer, de calor, de tenrura ou de alegría, ten moitas probabilidades de seguir buscando iso nos libros o día que sexa quen de ler só”.

Borges

A conclusión do caderno chámanos a facer caso de Borges, para revertermos os malos datos de consumo lector entre os que se recolle que un 35% da poboación non le nunca. Un convite con base nunha dupla aseveración borgiana: 1. que o paraíso, de existir, debe de ser unha biblioteca; 2. e que ler é unha das formas da felicidade. Para Francisco Castro de atendermos esa mensaxe “igual seriamos máis felices”.



x