NO NÚMERO 141, SERMOS ESTREA NOVA SECCIÓN, "PALABRAS CON MEMORIA"

Isidro Novo: “Moitas palabras en uso non están recollidas en ningún dicionario”

Isidro Novo: “Moitas palabras en uso non están recollidas en ningún dicionario”
Isidro Novo
Isidro Novo  

Esta quinta feira 16 de abril o semanario Sermos Galiza estrea nova sección, "Palabras con Memoria". Nela recóllense máis de 1.200 palabras en uso que non están recollidas en ningún dicionario galego.


 

O escritor Isidro Novo é o autor de “Palabras con memoria”, a nova sección da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) que Sermos Galiza comeza a publicar no seu número 140

-Cando comezou a súa procura de palabras sen catalogar?

Foi no 2007 cando llo comentei a Cesáreo Sánchez Iglesias e botamos a andar o proxecto. Parecíame que había palabras que eu escoitaba a cotío e non estaban ningún dicionario dos que manexaba. Da inmensa maioría das 1260 entradas recollidas -palabras e tamén algunha expresión- podemos dicir que só unhas 40 parecen a tal altura en algún dicionario. Buscaba precisamente iso, rexistrar palabras que non estiveran reflectidas en ningún dicionario. 

-Como explica que sexan tantas as palabras que quedan fóra dos dicionarios?

As persoas que fan os dicionarios elixen entre as propostas dialectais aquelas que consideran máis determinantes e obvian as demais, creo que iso inflúe, mais non o teño moi claro. Sorpréndeme que hai palabras nas rúas de xente que fala galego e non están rexistradas. 

-Entre as palabras que non se recollen, detectou algún grupo en especial? algún campo semántico singular?

Moitas palabras relacionadas cos froitos ou con elementos relacionados coas colleitas e o agro non están recollidos. Mesmo na Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) abrimos unha sección que se chama “A verde”, relacionada coa nosa labranza. Aparecen, poño por caso, castes de mazás ou peras que non están no dicionario. 

-Como chegan a vostede esas palabras? Cal é o proceso de recollida?

Abrimos o correo palabra.con.memoria@aelg.org para recibir aportacións da xente mais a maior parte proveñen do trato persoal. Mesmo hai xente que se achega pola rúa e me ofrece nova palabras. Eu responsabilizo a persoa que a manda cando se publican, é dicir, aparece o seu nome alí e tamén a zona onde se escoitou. Á xente gústalle que se lle recoñeza o ter recollido a palabra. 

-Como vai ser a sección que publicará a partir de agora no semanario Sermos Galiza?

Ao decidir publicar a sección no semanario estiven fozando coas palabras e pensei que por campos semánticos podería ser moi formal. Optei por escoller unha palabra vínculo e publicar canda outras relacionadas con ela. Unha entrega da vaca, o pan, o viño... ese vínculo relaciona con cinco ou seis palabras que son as publicadas. 

-Coida que o seu traballo pode conducir a que, no futuro, esas palabras sexan recollidas nalgún dos dicionarios? 

Quen se dedica a recoller palabras ten como fin rescatalas e que ser volvan a usar. Gustaríame que foran recollidas mais a min éncheme de satisfacción poñelas de novo en circulación e que non se esquezan. Este traballo pode contribuír a que os dicionarios glosen palabras que non empregaban. Ogallá que a xente que fai os dicionarios se convenza e as inclúa. A riqueza do noso vocabulario é inmensa. 

-Algunha palabra que lle chamase poderosamente a atención?

Pois, poño por caso, xa varias da primeira entrega como por exemplo aguch! Que é o termo que se empregaba para animar as vacas a beber. 

-Cómpre lembrar a súa condición de escritor que procura palabras. A riqueza léxica reflíctese na literatura ou tamén neste ámbito se está a recortar o número en uso?

Eu procuro coidar o léxico, encántanme as palabrase a toponimia e á hora de escribir tamén emprego algunha palabra que non están nos dicionarios convencionais, mais que os lectores sexan quen de interpretar porque, ao meu ver, é unha maneira de enriquecemento. Certamente, na literatura empréganse poucas palabras e iso é unha pena. Vai moito por modas tanto nas palabras como nos propios xéneros literarios. O sistema móvese así mais eu considero que as palabras están aí para se usar e non debemos deixalas enferruxar.



x