#sermos218: o apartheid sanitario na Galiza


#sermos218: o apartheid sanitario na Galiza

Falamos dunha sanidade que non é tan universal como algúns queren facernos crer, entrevistamos Olla Rodil, viceportavoz primeira do BNG no Parlamento e Inma López Silva, escritora. Botamos un ollo ao papel activo da sociedade na dinamización do galego, preguntámonos onde foi o país do millón de vacas... todo isto, e máis, xa na nosa loxa.

Aínda que a lei contempla casos en que a asistencia sanitaria debe estar garantida tamén para persoas inmigrantes en situación administrativa irregular –asistencia ao embarazo, parto e postparto, coidados a menores ou tratamentos por enfermidade grave ou accidente-, as trabas impostas polo Sergas dificultan o cumprimento da normativa. As persoas inmigrantes sofren serias dificultades para accederen á sanidade. 'O apartheid sanitario na Galiza'.

'Os abortos do Sergas, en entredito'. Condena de 270.000 euros polos graves danos a unha muller derivada de Burela a Madrid. A paciente afectada tivo que viaxar en vehículo particular a Madrid cunha hemorraxia após negarse o Sergas a practicarlle un aborto que solicitou en base ás malformacións da criatura. A clínica privada á que a enviou Sanidade trasladouna de emerxencia ao Hospital La Paz, onde se lle extirpou o útero.

SG218Gozar de propostas culturais de calidade en galego. Que a sinaléptica dun concello se corresponda coa forma correcta da toponimia do país. Que as campañas do comercio local se fagan no noso idioma. Que o funcionario ou funcionaria sexa capaz de atendernos en galego. Que conseguir un impreso oficial no noso idioma sexa natural e normal. Até cando seguirán sendo materias pendentes? 'A dinamización do galego e o papel activo da sociedade'

Política

'A fracturada esquerda española'. Podemos, escenario dun confronto entre a vía peronista de Errejón e a anguitista de Iglesias. Rajoy vive no mellor dos mundos posíbeis. Tanto ten que dirixa un partido imputado xudicialmente por se beneficiar dunha rede corrupta, tanto ten o que diga Francisco Correa na Audiencia Nacional. A esquerda española está fracturada e dividida. Camiñamos cara un réxime con só un partido con opcións de formar goberno?

Non agarden un discurso dubitativo ou cheo de lugares comúns. Olalla Rodil (Ribeira de Piquín, 1989) exhibe unha enorme seguranza en si propia e no proxecto político que representa. Entra con paso firme no Parlamento da Galiza, tanto que aos 27 anos asume a viceportavocía primeira do novo grupo parlamentar do BNG. Comunica ben e, si, dá titulares ao xornalista. “Era necesario incorporar elementos novos á forma en que o BNG transmite o proxecto político que defende”.

A Federación Sindical Mundial (FSM) realizou o seu XVII Congreso en Sudáfrica reafirmándose nos principios do antiimperialismo e o anticapitalismo, face a política entreguista do sindicalismo de concertación. 'O sindicalismo mundial aposta na unidade'.

Ao fío das mobilizacións contra os TLCs decorridas o pasado 15 de outubro a nivel continental, Manuel Mera analiza o impacto destes tres tratados no caso de tornar realidade poñendo o foco nas consecuencias económicas, sociais, laborais e ambientais. Podes lelo en 'CETA, TTIP e TISA: a OTAN económica'.

A pena de morte no mundo

Vinte e cinco estados asasinaron legalmente o ano pasado. A pena capital aplícase inda en 58 países. Ao mesmo tempo que o abolicionismo avanza como nunca antes, sendo maioría os países nos que está prohibida, prodúcense máis execucións agora que nos últimos 25 anos. Unha contradición que retrata a barbarie que se resiste ao paso do tempo e que foxe do imperativo ético e humanitario de respeitar o dereito á vida de todas as persoas. 'Pena de morte, a barbarie que perdura'.

Comezamos o novo século cun censo de 800.000 vacas na Galiza, cifra que se reduciu drasticamente nesta década ao tempo que o sector agrario, e o rural no seu conxunto, experimentaban profundas transformacións. A pregunta continúa a ser, transformacións cara a onde? 'Onde fica o país do millón de vacas?'. En análise seguimos a debullar o sector do viño de Galiza.

Conversamos con Inma López Silva, unha das grandes voces da literatura contemporánea, sobre a súa última novela 'Aqueles días en que eramos malas'. “Temos unha literatura fundada por unha muller, Rosalía de Castro, e ao mesmo tempo parece que nos estraña que as mulleres escriban”.

Neste número tamén nos achegamos ao Womex, o festival fulcral na música gliobal e que estes días vai decorrer en Compostela. E non falta 'Fóra de serie', con achegas, consellos e recomendacións. En 'andar e ver' imos de subida a San Mamede desde a Teixeira co colectivo Xea.

En agosto cumpriuse o centenario do nacemento de Amparo Alvajar López (A Coruña 1916-Monçao 1998), intelectual polifacética e brillante, símbolo dunha familia republicana e galeguista atravesada pola fenda da guerra e o exilio. A súa vida itinerante na Coruña, Madrid, Valencia, Toulouse, Buenos Aires, Nova York, Xenebra, París... e o final solitario en Monçao é a crónica da esperanza, a supervivencia, a creación, a frustración, a ausencia, a dor. Despois de anos de silencio e esquecemento, nos últimos tempos comeza a debuxarse o seu legado de amor a Galiza e a súa paixón creadora. Unha historia que nos narra Luis Bará.

E na contra-capa, os 18 anos da Fundaçom Artabria e na selfie-entrevista, Isaac Xubín, escritor e tradutor.