#sermos224: o emblemático centro galego de Bos Aires, en risco de privatización ou liquidación


#sermos224: o emblemático centro galego de Bos Aires, en risco de privatización ou liquidación

Neste semanario entrevistamos Pedro Puy, portavoz parlamentar do PP, adentrámonos nun Culturgal á beira da maioría de idade, falamos dos usos didácticos do baile tradicional, tomamos o pulso á loita de Ferroatlántica, escrebemos sobre o pasamento de Fidel... todo isto, e máis, xa na nosa loxa.

Máis dun século de historia da emigración galega ten o Centro Galego de Bos Aires como referente. Fundado en 1907, representa cinco millóns de galegos e galegas e os seus descendentes e é unha das principais organizacións de migrantes a nivel internacional. Mais o futuro desta institución e símbolo da diáspora pende dun fío. A profunda crise económica que arrastra mantén a entidade nunha delicada situación. A nova directiva, próxima a Macri e Feijóo. De todo isto falamos polo miúdo en 'A loita pola supervivencia do Centro Galego de Bos Aires'.

SG224'A bailar... nos centros de ensino!'. O baile tradicional non só pode ser unha materia extraescolar. Hai quen o propón como ferramenta didáctica nas escolas. E é que o baile galego pode aplicarse a disciplinas tan diferentes como as matemáticas, as ciencias ou a lingua, e cunha perspectiva de xénero. Paso picado por diante... e deámoslle á muiñeira!

Durante o mes de outubro e novembro deste ano asistimos a unha campaña de grande eco mediático en contra dos deberes escolares, organizada pola Confederación Española de Asociacións de Pais de Alumnos (CEAPA). Non se pode negar que se dean casos de abusos á hora de fixar tarefas escolares, mais é de xustiza afirmar que a racionalidade e a mesura son a tónica xeral na actuación do profesorado. 'Os deberes escolares, a debate'.

'Tecidos e tintas ecolóxicas a prol do medio ambiente'. MOV3 é un colectivo galego vinculado ao téxtil que abarca tendas e marcas que traballan arredor da moda sostíbel.

“Parte do noso voto o 25S non é fiel para toda a vida”

É un dos parlamentares máis solventes do Pazo do Hórreo. A formación profesoral de Pedro Puy (Granada, 1962) maniféstase ao longo da conversa e pinta un retrato dun político pouco convencional: non estaríamos perante un especialista en colocarche titulares e si perante un economista con bagaxe intelectual. Afirma non ser neoliberal –“a ortodoxia económica hoxe é síntese do pensamento neoclásico e o socialdemócrata”– e di tamén non estar na carreira para suceder Feijóo. Mentres tanto, é a voz que lidera os 41 escanos do PP na Cámara galega. “O Estatuto vixente non nos deu ningunha desavantaxe con relación a ningunha comunidade autónoma á hora de asumir ningunha competencia”.

Rajoy continúa a acumular argumentos a prol dunha nova chamada ás urnas: a súa alianza con Cs é cada día menos confiábel e o Executivo non ten garantida a maioría na Mesa do Congreso. Mentres tanto, o Goberno continúa a vetar as iniciativas do Congreso. 'Rajoy quer embridar o Congreso'.

'Merkel quere eternizarse na chancelaría para salvar Europa dos populismos'. A actual chanceler alemá, Angela Merkel, vén de anunciar a súa postulación como candidata á xefatura do goberno. Será a cuarta vez que o faga. De logralo, conseguirá superar Konrad Adenauer e equipararse a Helmut Khol como a mandataria que máis tempo estivo á fronte da chancelaría. As enquisas danlle opcións, mais ábrese a posibilidade tamén dun goberno á portuguesa entre o SPD, o Die Linke e Os Verdes. Tamén en Internacional, 'Fillon radicaliza a dereita francesa'. As políticas de Sarkozy retornarán, mais non o ex presidente. Quen fora o seu primeiro ministro, o ultraliberal e católico François Fillon, proclamouse rotundo vencedor das primarias gaullistas, das que Sarko foi o grande derrotado. Fillon aposta en radicalizar as súas propostas para recoller apoios na potencial base votante da reaccionaria Fronte Nacional.

Fidel non marcha

O falecemento de Fidel Castro o pasado 26 de novembro, aos 90 anos de idade, foi seguido de masivas mostras de afecto e apoio en Cuba e a nivel internacional. A súa desaparición física non compromete a continuidade da revolución que liderou desde 1959. 'contámoscho en Fidel non marcha'.

'A Costa da Morte, contra a teoría do dominó'. A Costa da Morte é consciente de que se saen adiante as intencións do grupo de Villar Mir, o futuro de Ferroatlántica e, con ela o da propia comarca, vai cobrar uns tons escuros. O exministro franquista ten decidido que quere vender as hidroeléctricas e anda en conversas con potenciais interesados mentres os traballadores procuran apoio na Xunta, que optou por se poñer de perfil. En análise, segunda parte do aproveitamento marítimo-portuario de Galiza.

O Culturgal, a piques de maioría de idade

Nove anos despois, o Culturgal é xa o maior evento da cultura galega. Xa non hai proxectos novos que non preparen a súa presentación nesta feira, nin artistas consolidados que non veñan darse un baño de masas. Pero cales son os retos que lle agardan? Contámoschos nesta reportaxe.

En 'Ao carón da lareira' falamos do proxecto interdisciplinar dos Vilares. “Había moitas ganas de poñer en valor o rural, de facer cousas, recuperar o patrimonio e de darlle unha nova vida”, afirma Pastora Veres. En 'andar e ver' imos co Colectivo Xea até a 'Penafurada da Barxa', Un furado de entre 20 e 30 metros que desvía a corrente do río Pentes.

Felipe Senén fálanos da exposición do Mestre Mateo, e en A Contracorrente visitamos as fotos que Mariña Patrimonio foi acumulando nestes anos de defensa da riqueza patrimonial desa comarca lucense. No selfie-entrevista falamos con María López, a sindicalista de Mercadona cuxa aparición no programa 'Salvados', de Jordi Évole, revolucionou as redes sociais.

Ademais, neste número, contamos coas contrubucións de Marga do Val e David Otero, de Mario Regueira a debullarnos 'Bestiario do vestiario', de Martiño Suárez, na crítica literaria; Andrés Castro a falarnos de 'Aquarius', de Kleber Mendonça Filho na de cinema. Carme Vidal descóbrenos Amparo López Jean, a primeira muller en se afiliar ao Partido Galeguista da Coruña. E Paula Mariño lévanos até o Museo das Perigrinacións.