#sermos234: Galiza e a electricidade: tan excedentaria, tan desleixada


#sermos234: Galiza e a electricidade: tan excedentaria, tan desleixada

Máis un número do semanario na rúa e ben completiño: o ‘choio’ das eléctricas, entrevistas Pérez Prieto e Rubén Cela, un percorrido polas novas voces da poesía galega, o metabolismo vivo da economía galega, as mulleres do Saviñao e ‘A Revolta da Fame’... . Todo isto e moito máis xa a podes lelo na nosa loxa.

Galiza é unha potencia en xeración e transformación enerxética; tanto, que, como é ben sabido, exporta anualmente arredor dun terzo da que produce, descontadas as perdas por mor do transporte interno e cara a outras zonas do Estado. Con todo, a calidade do servizo deixa moito que desexar, o que reflicte un desleixo claro por parte das compañías eléctricas que teñen neste país un gorentoso activo para as súas contas. Debullamos o  por que desta realidade na reportaxe ‘Un choio para as eléctricas’. Ademais, o econimista Adrián Dios achéganos nunha análise ‘Algunhas ideas para o debate sobre o modelo eléctrico’.

‘As mulleres do Saviñao’. Inés de Ben, María Pita, María Soliña... e tantas outras mulleres anónimas erguéronse contra a opresión, a fame, o espolio e a inxustiza ao longo da nosa historia. Unha historia con protestos á fronte dos cales se situaron as galegas. É o caso dos levantamentos ludistas en Cangas, Redondela, Noia ou Portosín; das cigarreiras da Coruña; das mártires de Nebra (Porto do Son), de Sofán (Carballo) e de Sobredo (Tui). Tamén da loita das Encrobas, hai 40 anos, ou de Baldaio, así como dunha mobilización menos coñecida: a do Saviñao, en 1946.

A recente iniciativa do Goberno portugués de conxelar a extensión do eucalipto no seu territorio até o 2030, como recolle a Estratexia Nacional para as Florestas (EFN, aprobada polo anterior executivo da dereita) tenevidentes repercusións no noso país. Fins Eirexas cóntanolas en ‘O país do medio millón de hectáreas de eucaliptos’.

SG234Política

Entrevistamos Rubén Cela, que non é só un dos rostos máis visíbeis da nova etapa do BNG, a que ten no horizonte a XVI Asemblea Nacional, a que está a protagonizar unha remontada após os estimulantes resultados das eleccións galegas. É tamén o portavoz do Bloque no concello de Compostela. Nesta entrevista explícanos as chaves da negociación que levou a formación nacionalista a dar o seu apoio aos orzamentos da cidade.

‘A esquerda española, despois de Vistalegre II’. O combate de Vistalegre saldouse cun claro triunfo da liña do seu secretario xeral, quen gaña poder orgánico e despraza o seu rival interno. Isto supón que se reforza en Podemos o discurso menos proclive a un entendemento co PSOE. O aparato socialista, controlado agora por Susana Díaz, está satisfeito coa vitoria de Iglesias.

Internacional

Os acordos de Minsk II, asinados en febreiro de 2015, continúan a ser incumpridos. O goberno de Ucraína iniciou a finais de xaneiro unha nova ofensiva militar contra as repúblicas populares de Donetsk e Lugansk. ‘Kiev viola a tregua cunha nova escalada no Donbass’.

‘Dúas semanas de protestos exixen a demisión do goberno romanés’. O Executivo de Sorin Grindeanu tivo que retirar un decreto co que pretendía reducir as penas por casos de corrupción, beneficiando de maneira directa líderes do partido gobernante (PSD). O país súmese nunha crise institucionalpolo enfrontamento entre o presidente da República e o Executivo.

‘Rajoy, emisario de Trump?’. O Goberno español quixo capitalizar unha chamada de cortesía de apenas quince minutos de duración, exaxerando o contido e alcance da conversa. Nin Washington ten intención de que España desempeñe ese papel, nin estaría en condicións de o facer, malia o servilismo, pola perda de relevancia internacional.

Extraer e fornecer

Embora avanzos e progresos, mantemos elementos propios dunha economía dependente. A respeito do Estado español, trátase dunha dependencia de tipo clásico, como fornecedora de materias primas e de enerxía para alimentar as economías doutros territorios.

Non falta á cita a sección Fóra de Serie, con ideas, recomendacións e achegas, entre outras moitas máis cousas. No selfie entrevista falamos coa sexóloga Martina González. Na sección de Memoria achegámonos a Amada García, fusilada canda outras sete persoas, no Castelo de San Felipe no abrente do 27 de xaneiro de 1938, tres meses despois de dar a luz ao seu segundo fillo.

O colectivo Xea lévanos da man a percorrer a ruta do miradorio do Eume, unha das paraxes máis fermosas do país.

En ‘A lei do silencio’ Manuel Xestoso fala da falta de transparencia no CDG e na AGADIC a raíz da nova montaxe. “O máis inquietante de todo é que non existen voces quese alcen con contundencia contra esta omertà que rexe a vida pública e que seacepta cunha preocupante naturalidade o mutismo das autoridades”

“Na Galiza temos algo priscinialista, rebelde”

Entrevistamos Victorino Pérez Prieto (Hospital de Órbigo,León, 1954) acaba deregresar de Colombia, onde traballou durante dous anos de docente e investigador nunha universidade de Bogotá. O seu contacto estreito coa sociedade colombiana levouno a colaborar en mesas de paz, na súa condición de experto en diálogo interrelixioso, e a traballar con persoas indíxenas e campesiñas. Autor de numerosas publicacións sobre filosofía e teoloxía, dirixe a súa ollada ao compromiso cristián con Galiza e á interculturalidade.

Afra Torrado, Paula Antía Rey Baliña, María Vilas e Helena Salgueiro son, xunto a Antón Blanco, Ismael Ramos e Tamara Andrés, algunhas das autoras máis novas da Galiza. Recitámoschas en ‘As voces máis novas da poesía galega’.

Ademais, as achegas e opinións dos nosos colaboradores: Antón Losada, Xoán Costa, Pepe Barro, Mario Regueira, Andrés Castro, Luz Darriba, Nacho Hortas, Tokio, Mercedes Espiño...

Podes ler o nº234 do semanario Sermos Galiza na nosa loxa. 



x