112: improvisación e desleixo na 'deslocalización' dun servizo fundamental para a poboación

112: improvisación e desleixo na 'deslocalización' dun servizo fundamental para a poboación
Imaxe: CIG
Imaxe: CIG  

A Xunta adía, que non paraliza, o traslado do centro de atención de emerxencias de Santiago á Estrada. Os traballadores denuncian “falta de planificación”, unha perda do 14% do seu salario e unha plataforma tecnolóxica aínda “en fase de desenvolvemento e probas”. Todo isto nun servizo imprescindíbel nas emerxencias que se dan no país, De aí a denuncia do comité de empresa: “A Xunta arrisca vidas”.


A Xunta investiu máis de 17 millóns de euros no edificio e nas aplicacións e dotacións informáticas da Estrada que acollerán o Centro de atención de emerxencias de Galiza, na actualidade en Santiago de Compostela. Un investimento importante que, denuncian os traballadores, contrasta coa “improvisación” da Xunta en canto a prazos e procedemento de traslado ou o seu desleixo á hora de ter en conta aspectos como o impacto económico sobre os traballadores (que verían minguar un 14% o seu salario ao facer fronte aos custos desprazamento). E a isto engaden que o traslado queríase facer nun prazo no que o propio persoal “non ten tido a posibilidade de facer uso das aplicacións tal e como vai ter que empregalas para a xestión real de emerxencias”.

A Xunta adiou para o 18 de abril un traslado que quería facer antes de mediados de marzo. Os traballadores valoran positivamente unha decisión que, afirman, vén corroborar os seus argumentos: a plataforma tecnolóxica da Estrada non está preparada para as funcións que debe acometer. E iso, nun centro de atención de emerxencias, supón incorrer en “temeridade para a protección das vidas e o territorio”.

Desde o Comité de Empresa inciden en que esa plataforma “está en fase de desenvolvemento e probas” nas cales o propio persoal que fai os cursos de formación está a servir para “testar” a nova ferramenta. Asegura a CIG que cada semana de curso “están a xurdir novos erros (...) novas incidencia que teñen forzado paróns”.

O traslado implica custos económicos importantes para os traballadores, que perderían até un 14% do seu salario. O Comité de Empresa lembra que desde un primeiro momento amosou vontade de diálogo, elaborando mesmo unha proposta de compensacións na que renunciaban a parte das peticións iniciais. Porén, a Xunta optou por se poñer de canto e deixar que sexa a empresa concesionaria quen decida sobre esta cuestión. “A oferta da empresa resulta ridícula”. A Xunta, denuncian, pretende que a deslocalización a pague do seu peto o persoal que atende a cidadanía e mobiliza os recursos.

“Un persoal, que chega aos 25 anos de experiencia, e que atendeu no seu momento a vaga de incendios de 2006, o Prestige, o accidente ferroviario de Angrois e que cada día atende centos de chamadas de accidentes, peticións de ambulancias,  incendios, naufraxios, desaparicións, etc., vese agora condenado a perder unha parte  importante do seu poder adquisitivo (máis do 14% de media), e, nalgúns casos, a considerar a viabilidade de continuar a traballar neste servizo”. “A resposta da Xunta diante a posibilidade de perder traballadores e traballadoras ultracualificadas (que, ademais, só poden ser formadas no propio 112) e con ampla experiencia é pórse de perfil e insinuar que todo o seu traballo é “mediar” entre a empresa que ten o servizo privatizado e o persoal que o presta”, afirman.

 

 



x