83 días e 180 piquetes e mobilizacións despois, fin da greve no 112 ao recoñecer todas as demandas laborais dos traballadores

83 días e 180 piquetes e mobilizacións despois, fin da greve no 112 ao recoñecer todas as demandas laborais dos traballadores
Imaxe: CIG
Imaxe: CIG  

Un laudo recoñece todas as demandas laborais dos traballadores, sinala o comité, que informa que continuará a demandar unha solución para o mal funcionamento da plataforma informática e combater a privatización do servizo. O persoal do 112 decidiu en asemblea pór fin á greve.


O conflito do 112 chegou á súa fin cando estaba a piques de facer tres meses de greve do persoal. O Acordo galego de solución extraxudicial de conflitos no traballo (AGA) vén de emitir un laudo no que se ven recoñecidas todas as demandas laborais dos traballadores. Unha vitoria após 83 xornadas de greve. Con todo, o comité lembra que a súa batalla non acaba aquí: vai continuar a demandar que se solucionen todos os problemas derivados do mal funcionamento da plataforma informática, que é a súa principal ferramenta de traballo, e loitando contra a privatización do servizo

 

Foron necesarios 83 días, máis de 180 piquetes e mobilizacións de todo tipo, 6 xuntanzas no AGA para que as partes acordaran someterse a unha arbitraxe que se resolveu cun laudo que pon fin á greve. “Laudo no que se constata que todas e cada unha das demandas eran de xustiza”, indica o comité.

 

Isabel Moares, presidenta do comité, explica que no laudo se recolle “todo o que reclamamos: dereito á subrogación; incremento salarial para compensar as perdas derivadas da decisión unilateral da Xunta de trasladar o centro de traballo para a Estrada; as cuestións de xornada e de conciliación son recoñecidas”.

 

Compensar perdas

 

Unha das principais demandas era a da compensación dos custos derivados do traslado de Compostela á Estrada. Moares lembra que a Xunta comprometérase, no seu momento, a destinar unha partida para compensar eses gastos aos que terían que facer fronte os traballadores (e que suporían por volta de 14% do seu salario). Mais cando chegou o día, recuou. A empresa concesionaria do servizo ofreceu un mínimo aumento, que non compensaba ese importante custo. Os traballadores ven recoñecido agora, indica a CIG nun comunicado, que é a Xunta quen ten que compensar esa cantidade por ser quen decidiu unilateralmente o traslado. Contémplase, pois, un incremento salarial de 10%.

 

Outra cuestión esencial, que era o recoñecemento do dereito a subrogación, tamén se ve reflectida no laudo, afirma o sindicato nacionalista, convertendo así os traballadores do 112 nos primeiros dependentes do convenio de Call Center que o terán contemplado. Dáse resposta tamén ás demandas sociais e de horarios para a conciliación da vida laboral e familiar. Carlos Barros, membro do comité, explica que hai traballadores que levaban máis de nove anos sen librar unha fin de semana e que agora verán equiparadas as súas condicións ás do resto do persoal. Tamén había persoal contratado a tempo parcial, por tan só 25 horas á semana, e que agora pasará a ter a xornada completa como o resto dos compañeiros.

 

Moares manda unha mensaxe final: “Rematamos a folga, pero imos seguir loitando para que se solucione o problema do programa informático e defendendo que un servizo esencial de emerxencias como este ten que ser público”.



x