Dúas semanas de greve nas auxiliares do naval mentres Navantia ameaza cun fechamento patronal

Dúas semanas de greve nas auxiliares do naval mentres Navantia ameaza cun fechamento patronal

Esta quinta feira hai convocada unha manifestación á que os traballadores chaman a participar á cidadanía da comarca de Ferrol. “"É fundamental apoiar a un colectivo que está pelexando polas súas condicións laborais”.


Fanse 14 días do inicio da greve indefinida convocada nas auxiliares do naval de Ferrol pola CIG para pedir que todas as empresas cumpran os acordos salariais asinados en 2001. “Que os traballadores non teñan que negociar o seu soldo cada vez que entran nunha subcontrata", explicaban os convocantes. Dúas semanas despois, a greve continúa e Navantia ameaza cun feche patronal, responsabilizando o paro dos traballadores das auxiliares.

 

Ramón Alfonzo, de CIG-Industria, deixaba claro a comezos de semana que "a folga é lexítima, a reivindicación é xusta e é necesario, ademais, estabelecer ese marco para evitar a competencia desleal a conta de tirar os salarios á baixa". Negou que se estea a demandar incrementos de 30%, como afirman as empresas, senón que se pide recuperar o nivel retributivo que se pactara nos acordos de 2001 e consolidalo. "Estamos a falar de subas entre o 15 e o 4% para as categorías oficiais 2ª e especialistas. Na categoría de oficias 1ª de aceiros, que teñen as diferenzas máis grandes entre o convenio provincial e as táboas, xa cobran por riba de convenio".

 

A central nacionalista critica que a baza que estea a xogar Navantia ao longo deste conflito, sexa a de “criminalizar” a greve e ameazar con denunciar a quen actúa en representación do persoal. "Non nos imos amedrentar ", advertiu, Alfonzo, sinalando á responsabilidade de Navantia na resolución do conflito, como contratista e como empresa motor da comarca e de propiedade pública.

 

E+Para esta quinta feira, día 19, está convocada unha manifestación que sairá da porta principal de Navantia ás 19:00 horas, na que a CIG anima a participar a toda a cidadanía da comarca. 



x