INFORME DO GABIENTE TÉCNICO DA CIG SOBRE RENDAS DE TRABALLO

Un de cada tres traballadores galegos cobra como tope o salario mínimo

Un de cada tres traballadores galegos cobra como tope o salario mínimo
Operarias nunha carpinteiría industrial
Operarias nunha carpinteiría industrial  

Dous de cada dez asalariados en Galiza tivo en 2014 uns ingresos inferiores ou iguais a 1.883 euros anuais, a metade do SMI.


O informe que vén de presentar o gabinete técnico da CIG sobre as rendas de traballo deita datos demoledores sobre o impacto real da crise no mundo do traballo e a vida das persoas. Elaborado a partir de datos e informacións da Axencia Tributaria, o documento do sindicato nacionalista indica como desde 2009 baixaron os salarios e medrou a desigualdade, unha evolución preocupante.

Así, un 31% das persoas asalariadas en Galiza cobra como máximo o salario mínimo interprofesional (SMI). Ou sexa, que un de cada tres traballadores que hai no noso país gañaron como máximo 6.800 euros en 2014. A isto hai que engadir que un total de 177.314 persoas asalariadas tivo nese ano uns ingresos inferiores á metade do SMI, é dicir, que ingresaron menos de 1.884 euros. Un 18,4% do total de traballadores en Galiza están nesta situación, un dato que amosa a precariedade salarial con toda crueza.

No outro extremo, tal e como recolle o informe da CIG, están aqueles que ingresan máis de 10 veces o SMI, é dicir,m por riba dos 141.374 euros anuais, e que en 2014 foron 4.005 persoas. Apenas un 0,4% dos traballadores de Galiza.

Mocidade

En 2009, os ingresos dunha persoa asalariada menor de 18 anos acadaban o 24% do salario medio; 5 anos despois, apenas o 22%, co engadido de que ese salario medio é un 2,6% menor. O ingreso descendeu en todos os grupos de idade, pero sobre todo entre os menores de 35, especialmente entre o colectivo entre 18 e 25 anos, cuxos ingresos son un 27,8% inferiores, de media, ao ano 2009. Os ingresos dos maiores de 56 anos practicamente cuadriplican os dos menores de 25 anos.

Muller

“Ser home ou muller no mercado laboral sempre supuxo ter unha diferenza salarial importante. A crise non rematou con este problema, aínda que si o atenuou”, afirma o gabinete técnico do sindicato nacionalista.

No 2009 o salario medio dunha muller representaba o 76,9% do dun home. En 2014 é o 78,1%. “As diferenzas”, explican no informe, “atenuáronse polo maior descenso dos ingresos salariais percibidos polos homes fronte aos das mulleres, non porque medrasen máis uns que outros”.

Conclusións

En resumo, apontan desde este gabintete técnico,após un quinquenio de crise económica, “os efectos sobre a clase traballadora van máis alá do que ten a ver coa perda de emprego”. Así, á destrución de postos de traballo hai que engadir que se reduciron os ingresos e aumentaron as desigualdades. Aumentaron tamén as desigualdades entre os territorios do Estado.

O único emprego que se creou “foi entre os asalariados/as con ingresos inferiores ao SMI, e o salario destes descendeu”. E, para finalizar, a CIG lembra que neste estudo non están todos. “Faltan os miles de mozos e mozas que ante esta situación optaron pola emigración, senón os datos serían aínda máis alarmantes”.



x