O QUE NON SE DI DA INDUSTRIA 4.0

A cara oculta da automoción galega

A cara oculta da automoción galega
[Imaxe: Citroën PSA] unha operaria dunha empresa de automoción
[Imaxe: Citroën PSA] unha operaria dunha empresa de automoción  

A automoción é unha das xoias da economía galega por empregos xerados, por facturación, peso nas exportacións ou influencia no desenvolvemento empresarial. Mais faise necesario poñer os puntos sobre os is: parte desta situación descansa sobre unhas condicións e dereitos laborais precarizados e espremidos até o esgotamento. Os paros, mobilizacións e greves que nestes meses se rexistran na automoción galega apontan que non todo é da cor coa que o Cluster e a Xunta nola presentan. Este mesmo sábado 15 está convocada unha greve en PSA Vigo


Galiza representa o 15% dos automóbiles producidos no Estado español, competindo con Catalunya polo primeiro posto en territorios líderes na automoción. O sector no noso país achega unha facturación anual de máis de 8.300 millóns de euros –o 14% do PIB–, 19 mil postos de traballo directos –o 12% do emprego industrial– e máis de 8 mil na industria auxiliar, ou o 30% das exportacións galegas. Macrodados que reflicten un sector que é un alicerce na economía galega. Mais a automoción ten unha cara B. Unha cara escura que está a se poñer de relevo nestas semanas da man da conflitividade en varias empresas do sector, como GKN ou a ‘xoia da Coroa’, PSA-Citroën. “A automoción galega factura máis de 8 mil millóns de euros, si, mais mentres tanto agrava o empeoramento das condicións de traballo até niveis máis que preocupantes”, mantén Xoán Xosé Bouzas, da CIG-Industria.

 

4O aumento dos ritmos e cargas de traballo e a sobrecarga física e mental á que están sometidas as traballadoras e traballadores do sector representan o eixo sobre o que pivota a produtividade da automoción. “Os ritmos de traballo son cada vez máis duros, fortes e intensos, son insorportábeis”, descrebe Paco Sío, delegado da CIG en GKN, unha auxiliar con 980 operarias e operarios. Tamén en conversa con Sermos Galiza, Vítor Mariño, da CUT en Citröen, lembra que “hai moito tempo” que a carga de traballo supera o nivel do soportábel. As cifras están aí, como teñen denunciado a CIG e a CUT. De por volta de 5.500 operarias e operarios que hai na factoría de Balaídos, uns 400 están de baixa, a metade deles desde o pasado mes de abril.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 254 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques e puntos de venda habituais]



x