O cerco viaxa a Bruxelas para defender un reparto "xusto" das cotas

O cerco viaxa a Bruxelas para defender un reparto "xusto" das cotas
Acampada en San Caetano [Imaxe SG]
Acampada en San Caetano [Imaxe SG]  

Da man da europarlamentar de AGE, Lidia Senra, unha delegación de Acerga exporá as demandas do sector perante o comisario de Pesca comunitario, Alain Cadec. 


 

Representantes da Asociación de armadores do cerco de Galiza (Acerga) visitan esta terza feira (10 de novembro) o corazón político da Unión Europea. Convidados pola eurodeputada de AGEe, Lidia Senra, manterán unha xuntanza co comisario de Pesca comunitario, Alain Cadec, a quen trasladarán de primeira man as demandas do sector. 

O encontro prodúcese após tres semanas de acampada perante os edificios da Xunta de Galiza en San Caetano (Compostela) e manifestacións como a decorrida esta fin de semana en Sada, nas que reclaman un reparto "xusto" das cotas que permitan aos mariñeiros vivir do seu traballo. 

As demandas do sector continúan a ser as mesmas que hai dous anos. Nalquera altura os protestos chegaran ás portas do Parlamento galego onde máis dun milleiro de mariñeiros e as súas familias se concentraron para reclamar unha solución á falta de cota. A mobilización rematara disolta por unha forte carga policial que se extendeu polas principais rúas do ensanche compostelán. 

Que reclaman os mariñeiros e Acerga?

No número 170 do semanario en papel o xornalista X.M. Pinheiro asina unha reportaxe a dupla páxina na que responde a oito preguntas fundamentais a respeito dun conflito que atinxe 146 embarcacións e máis de 1.500 mariñeiros. Un sector económico estratéxico en portos como Portosín, Cesantes, Sada ou Malpica, entre outros. 

A frota do cerco galega atópase amarrada en defensa dun reparto "xusto" das cotas pesqueiras principalmente do xurelo --que representa o 80% dos ingresos desta arte-- e da xarda.

Até o de agora e embora a galega constituír a principal frota, só lle corresponde menos do 25% da cota da xarda. Isto débese ao modelo de reparto aplicado desde 2012. O criterio que emprega baséase nun "histórico" de capturas entre 2002 e 2012, o que prexudicou ao cerco galego que viña limitando desde hai dúas décadas a cantidade de peixe que pesca para preservar as pesquerías, algo que non fixeron outras frotas. Neste senso, a frota basca ou a asturiana --que conta só con 8 embarcacións-- posúen máis cota que as 146 galegas. "Un barco do cerco basco ten máis cota que os 20 que hai no porto de Vigo", di Andrés García, patrón maior de Sada e voceiro de Acerga. 

Desde Acerga responsabilizan da situación que atinxe o sector aos representantes das confrarías que na altura fixeron parte das negociacións mais tamén á Xunta de Galza porque "non nos defenderon", aseguran. 



x