CIG define como “nefasta” a política da Xunta en formación para emprego

CIG define como “nefasta” a política da Xunta en formación para emprego

O sindicato denuncia que a Consellería de Economía non fixo as convocatorias 2015/16 e 1016/17 de formación continua para ocupados e exixe que se aclare onde van os 9 millóns de euros correspondentes aos mesmos.


As políticas da Xunta en formación para emprego, quer de traballadores ocupados como no desemprego, non merece para a CIG outra consideración que a de “nefasta”. Unha mostra é, denunciou o sindicato nacionalista, que se ‘saltaron’ as convocatorias de formación continua para traballadores ocupados dos períodos 2015-2016, 2016-2017.  Exixe a CIG que se aclarara o que se fixo cos 9 millóns de euros correspondentes a de cada unha delas.

Suso Seixo, secretario xeral so dinacto, acusou a Xunta de “vivir das puras apariencias e da propaganda” mentres ‘saltan’ dúas convocatorias de formación continua para xente ocupada. Seixo considera “realmente gravísimo” este “grao de incompetencia” e exixiu explicacións respecto das partidas de preto de 9 millóns de euros transferidas do Estado á Xunta para cada unha desas convocatorias. Fondos destinados á formación de libre concorrencia, aos que poden optar todas as entidades privadas ou sindicais que queiran impartir accións formativas.

“Queremos saber que fixeron con eses cartos, porque son partidas finalistas que só se poden destinar a formación profesional e non sabemos o que se fixo con eses recursos”, dixo.

Mais a denuncia das políticas formativas da Xunta non se cinxen a este único caso. Así, o secretario xeral considerou “altamente preocupante” que, tal e como está regulado todo o relativo á imputación dos cartos, “é case imposíbel” realizar a formación profesional para o emprego. Lembrou que varias entidades privadas que imparten formación veñen de constituír unha mesa en defensa da formación profesional para o emprego recoñecendo que tal e como está articulado agora mesmo “é ruinoso” e “insostíbel”.

A isto engadiu que das fundacións que tiñan constituídas as organizacións sindicais para impartir formación, só a CIG mantén a súa “poñendo cartos das cotas dos nosos, porque se é polos recursos que dá a Xunta, teriamos que ter pechado”.

Seixo denunciou tamén a política de discriminación que segue a Xunta de Galiza con respecto á CIG. Unha discriminación que levou á central sindical a iniciar máis de 33 procesos xudiciais, dos que ten gañadas xa varias demandas no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.

Unha estratexia que sitúa nunha aposta “permanente ataque” á CIGporque “non somos do gusto do PP”. Cuestionou ademais o camiño cara onde quere levar a Xunta de Galiza a formación con este modelo que a fai “inviábel” e alertou do intento do PP de aproveitar as fraudes que se deron nesta materia, “que cometeron fundamentalmente as entidades empresariais amigas do PP”.

A ese respecto denunciou que “están aproveitando iso para intentar deixarnos fóra ás entidades sen ánimo de lucro e destinar os cartos aos seus amigos”.

 

 



x