CIG mantén a convocatoria de greve no Sergas: “Non se resolveu ningún conflito”

CIG mantén a convocatoria de greve no Sergas: “Non se resolveu ningún conflito”

Será a quinta e sexta feira, 2 e 3 de novembro.


CIG-Saúde mantén a convocatoria de greve para os días 2 e 3 de novembro. A central non se suma á sinatura do acordo do Sergas coas organizacións sindicais da plataforma porque “simplemente non se solucionou ningún conflito”. O sindicato entende que a proposta presentada polo Sergas sobre carreira profesional deixa máis dúbidas que certezas e denuncia que, en todo caso, non se recupera ningún dos acordos suspendidos. CIG fai tamén un chamamento a participar na concentración convocada para o día 2 de novembro, ás 11:00 horas, diante da consellaría de Sanidade, en San Lázaro.

 

A proposta sobre carreira profesional vai incrementar as diferenzas salariais existentes entre profesionais do mesmo colectivo, segundo a CIG, que advirte de todos os aspectos que quedan no aire: “Non sabemos canto vai ser a contía dos graos desta carreira, non temos ningunha garantía de que, como mínimo, sexan iguais  aos da carreira extraordinaria”.

 

Tamén asegura que non se sabe cantos anos de antigüidade se van solicitar para cada grao, nin a permanencia nun grao para progresar ao seguinte. Ademais, denuncia que non hai compromiso firme de cobrar no ano 2019, porque vai depender da dispoñibilidade orzamentaria. Á marxe da carreira profesional o Sergas non contempla a recuperación de ningún dos outros acordos suspendidos porque “Feijóo non permite que se cumpra ningún acordo asinado durante o goberno bipartito, esquecendo que as organizacións sindicais asinamos acordos coa administración e non co partido político do goberno”, denuncia.

 

Para a CIG-Saúde as reivindicacións sindicais seguen pois plenamente vixentes. “Somos conscientes de que a realidade mudou co acordo do SERGAS coas organizacións sindicais CCOO, UGT, CSIF, SATSE, SAE e CESM-OMEGA, pero as razóns que nos levaron a convocar a folga persisten”, aclara.



x