REUNIÓN O 28N CO CONSELLEIRO

O Comité de Ferroatlántica suspende o feche de maneira temporal

O Comité de Ferroatlántica suspende o feche de maneira temporal
[Imaxe: Juan Louro Cambeiro] Asemblea do Comité
[Imaxe: Juan Louro Cambeiro] Asemblea do Comité  

Suspéndense o feche e mais as mobilizacións de maneira temporal. Así o decidiu na tarde do sábado o Comité de Empresa de Ferroatlántica, que se mantén á expectativa dada a reunión que manterá a segunda feira, o 28 de novembro, co Goberno galego.


O Comité de Empresa de Ferroatlántica realizou na tarde do sábado unha asemblea no Concello de Cee na que valorou de maneira positiva os pasos dados en contra da venda e da segregación das centrais e na que decidiu suspender de maneira temporal o feche e as mobilizacións.

Os representantes dos traballadores adoptaron a decisión após a Xunta accedera a se reunir con eles esta segunda feira, 28 de novembro. Aínda así, o Comité advirte de que non vai frear a súa loita contra a intención da empresa de vender as centrais.

Os traballadores aproveitaron a asemblea para agradecer a participación e implicación das persoas da comarca e o apoio institucional por parte de todos os alcaldes da contorna, así como a disposición e acollida no concello de Cee durante o feche. Tamén tiveron palabras para as organizacións políticas comarcais e nacionais do ámbito parlamentario e fóra del.

“O comité valora positivamente o compromiso público adquirido, no que se corresponsabilizan os alcaldes da comarca, de facer valer o título concesional e polo tanto, a non autorización da segregación, no caso de que a empresa rexistre a venda na Xunta, ademais de informar de calquera movemento que se produza”, informan os traballadores nun comunicado.