A conflitividade laboral rexorde na fábrica viguesa de Citroën

A conflitividade laboral rexorde na fábrica viguesa de Citroën
(Foto:CIG)
(Foto:CIG)  

As mobilizacións volven á factoría do grupo PSA Peugeot Citroën en Vigo. Se nos últimos anos os despedimentos, os ERE e as perdas salariais e laborais centraron os focos de loita entre o persoal da planta de Balaídos, hoxe son os ritmos de produción –cada vez maiores– os que motivan este aumento da conflitividade laboral no motor do sector galego da automoción.



O novo aumento da carga de traballo nunha das liñas de produción, cun vehículo máis cada hora, foi o detonante das protestas, pero non a súa orixe. “A situación xa era dun desgaste importante físico e mental, con moita xente de baixa ou facendo até 12 horas diarias para cubrir os postos dos talleres. E veñen coa proposta de facer máis coches no mesmo tempo, o que significa subir máis as cargas sen ter en conta a creación de novos postos para equilibralo”, salienta o representante da CIG, Manuel Domínguez.
 

“A situación xa era dun desgaste importante físico e mental, con moita xente de baixa ou facendo até 12 horas diarias", denuncia o portavoz da CIG.


Desde as forzas sindicais que lideran a protesta (CIG, CUT e CCOO) critican as continuas negativas  da dirección a atender estas demandas. Unha sobrecarga de traballo que cualifican de insostible antes deste novo incremento e que, segundo apuntan, se reflicte con claridade no aumento exponencial das baixas laborais, en especial das enfermidades músculo-esqueléticas. Máis dun sete por cento do cadro de persoal está actualmente de baixa, a metade continúa desde o pasado ano nesta situación. 

 

“Levamos dous meses intentando dialogar, con escritos á dirección do centro, a recursos humanos, á dirección de montaxe... Un diálogo que non foi posible ante a inmobilidade da empresa. Chegados a este punto, entendiamos que había dar un paso máis alá”, explica Domínguez en conversa telefónica. A mellora que propoñen pasa pola creación de só 30 postos que, segundo os cálculos das centrais, rebaixaría a carga de traballo de 900 empregados e empregadas da factoría viguesa.

“Levamos dous meses intentando dialogar, con escritos á dirección do centro, a recursos humanos, á dirección de montaxe..."

 

Centos de traballadores apoiaron a manifestación do pasado 1 de xullo, que deu comeza o protesto. Unha semana despois, boa parte do persoal non acudiu á xornada de traballo extraordinaria. Malia pedir a mediación coa dirección, esta non respondeu. E o 15 de xullo, moitos dos titulares dos postos secundaron a xornada de folga. “A participación foi moi importante. Máis cando a empresa tratou de coaccionar, incluso de vulnerar o dereito a folga”, di o portavoz da CIG na fábrica de Citroën. 

Os sindicatos sinalan que a dirección botou man de empregados non cualificados, de persoal trasladado dende outros departamentos ou de empresas auxiliares para ocupar postos de produción, así como de non respectar o descanso mínimo, con traballadores que saían ás dez da noite e entraban de novo ás seis da mañá. Ou escritos intentando que o persoal comunicase se ía exercer ou seu dereito  a folga. Un empregado, que pide anonimato, apunta como o seu mando intermedio animoulles a acudir antes de hora ao posto, para evitar os piquetes na porta, baixo a promesa de pagar esas horas extra. 
 

“A empresa apostou forte porque esta folga saíra mal. Pero todo ese sobreesforzo que fixeron para querer dar aparencia de normalidade, non o conseguiron”, di Domínguez.

“A empresa apostou forte porque esta folga saíra mal. Pero todo ese sobreesforzo que fixeron para querer dar aparencia de normalidade, non o conseguiron”, sinala o voceiro da central nacionalista, que engade que “é a primeira vez que Citroën recoñece que tivo problemas de arranque”. Cifran nuns 70 vehículos menos producidos o impacto da folga. O luns 17, con carácter urxente, os secretarios das seccións sindicais foron chamados a unha reunión coa dirección. 

 

“Se non hai vontade para mediar e solucionar os problemas de carga de traballo, non imos baixar os brazos. Nunca nos negamos ao aumento de produción, pero é necesario buscar un equilibrio. E entendemos este aumento como un feito que servirá para estender a outros servizos e departamentos da cadea produtiva da fábrica”, advirte Domínguez.

 

Líder en produción en mínimos de persoal

 

A fábrica de Citroën en Vigo destaca a planta máis produtiva da multinacional francesa nas súas últimas memorias de actividade. Con 424.000 unidades producidas o pasado 2016 –un incremento do 11% durante os últimos oito anos– é a segunda do Estado español por detrás da factoría de Seat en Martorell. Porén, o número de empregados está en mínimos históricos logo dos plans de axuste de persoal da dirección, con expedientes de regulación de emprego, externalización de servizos e numerosos recortes laborais para conseguir novas liñas de produción. 
 



x