España recuperará a base laboral previa á crise en 2020, Galiza tardará 23 anos máis

España recuperará a base laboral previa á crise en 2020, Galiza tardará 23 anos máis

O noso país ten hoxe 140.000 persoas ocupadas menos que en 2008. O PSdeG denuncia que a 30 de setembro de 2017 a Xunta só executara 1 de cada 4 euros orzamentados para activar o mercado laboral.


Galiza ten hoxe 140.000 persoas ocupadas menos que en 2008, una cifra que permite dar una idea da magnitude do desastre que a recesión provocou no noso país. Segundo a enquisa de poboación activa (EPA), ao longo de todo 2017 apenas se crearon 6.200 postos de traballo. Para o portavoz socialista, Fernández Leiceaga,  a este ritmo Galiza vai tardar 23 anos en recuperar a base laboral previa á crise, mentres que o resto do Estado español vai facelo en 2020.

 

O responsábel socialista apelou ao fracaso da política laboral do goberno galego, que “con 350 millóns de euros [para políticas activas de emprego e outras liñas destinadas a estimular o mercado laboral] non son capaces de mellorar eses resultados” e cando a 30 de setembro de 2017 “só estaban executando un de cada catro euros dos que tiñan vixentes no Orzamento”.

 

O Estudo sobre ingresos salariais de 2016 elaborado polo Gabinete de Economía da CIG espella o grao de mutación que nestes anos de crise sufriu o mercado laboral galego.

 

Nese estudo recóllense cinco actividades con salarios medios anuais superiores á media do salario en Galiza: 18.114 euros brutos. Un salario, por certo, inferior ao que se rexistraba en 2009, cando era de 18.217 euros anuais. Esas cinco actividades son as entidades financeiras e aseguradoras (32.025 euros medios anuais), Industria extractiva, enerxía e auga (27.875 euros), Información e comunicación (22.970), Servizos sociais (22.800) e Industria (20.719). En todas e cada unha delas hai agora menos traballadoras e traballadores que en 2009.

 

Así, por exemplo, en Industria hai 27.000 persoas asalariadas menos do que en 2009, en Entidades financeiras e aseguradoras son 7.000 menos e en Industria extractiva, enerxía e auga perto de 6.000 traballadoras e traballadores menos que daquela.



x