España vulnera dereitos da Carta social europea sobre accidentes laborais e protección social

España vulnera dereitos da Carta social europea sobre accidentes laborais e protección social

O Comité Europeo de Dereitos Sociais acepta varias das alegacións presentadas pola CIG


O goberno español non acata os compromisos adquiridos ao ratificar a Carta social europea en 1980, en materias tan relevantes como a redución de accidentes de traballo, a contía dos subsidios por desemprego e rendas de inclusión ou a igualdade de trato en materia de prestacións familiares. Denúnciao o sindicato CIG: o Estado español está a incumprir varios preceptos da Carta social europea segundo un relatorio elaborado polo Comité europeo de dereitos sociais, organismo independente, que fai parte do Consello de Europa. As conclusións do Comité Europeo de Dereitos Sociais, feitas públicas en Estrasburgo o polo seu presidente, Giuseppe Palmisano, teñen o valor de xurisprudencia e poden invocarse directamente perante os tribunais internos, explica a central nacionalista. 

 

“O Comité conclúe que a frecuencia dos accidentes é demasiado elevada como para considerar que o exercicio do dereito á seguridade e á hixiene no traballo está garantido no Estado español”

 

Os informes anuais sobre o cumprimento da Carta son elaborados coa información que achega o goberno do Estado e coas observacións das organizacións da sociedade civil. Nesta ocasión as únicas alegacións foron as formuladas pola asesoría xurídica da CIG, que contou coa colaboración do profesor Xosé Manuel Carril, da Universidade da Coruña.

 

Entre as vulneracións da Carta Social Europea comprobadas polo Comité, destaca a insuficiencia de medidas para reducir o número de accidentes de traballo, que aumentou no período de referencia, nomeadamente nos sectores da agricultura e os servizos, salientando o aumento do número de vítimas mortais e non mortais. A partir do estudo de datos estatísticos e da comparación coa incidencia noutros estados membros da Unión Europea (UE), o Comité conclúe que a frecuencia dos accidentes é demasiado elevada como para considerar que o exercicio do dereito á seguridade e á hixiene no traballo (artigo 3.2 da Carta) está garantido no Estado español.

 

Subsidios por desemprego e rendas de inclusión, insuficientes

 

En relación co dereito á seguridade social, recoñecido no artigo 12.1 da Carta, o Comité estima as alegacións formuladas pola CIG ao declarar que o subsidio por desemprego para persoas sen cargas familiares (426 euros ao mes en 2015, 80% do IPREM– se sitúa por baixo do 40% da renda mediana dispoñíbel (1.112 euros ao mes, segundo os datos de Eurostat). Esta contía non se considera suficiente para dar cumprimento aos compromisos internacionais subscritos.

 

O Comité Europeo de Dereitos Sociais constata o que para millóns de persoas é unha evidencia diaria: deixar a saúde ou a vida no traballo é un perigo certo e constante

 

O Comité chega a unha conclusión semellante en relación co dereito á asistencia social (artigo 13.1 da Carta) e as rendas de inclusión, como é o caso da Risga en Galiza. A maioría das comunidades autónomas condicionan o dereito á renda ao cumprimento de requisitos que son incompatíbeis coa situación de necesidade que pretende atender, como son a esixencia dun período mínimo de residencia na comunidade autónoma ou dunha idade mínima de 25 anos.

 

 

O Comité constata tamén a infracción do artigo 12.4 da Carta, que recoñece o dereito á seguridade social ás persoas que se desprazan entre os estados membros do Consello de Europa. En concreto, declara que é excesivo o requisito de residencia de máis de dez anos para percibir unha pensión non contributiva de xubilación, que se esixe aos cidadáns de estados que ratificaron a Carta Social Europea, mais non fan parte da UE ou do Espazo Económico Europeo (UE máis Islandia, Liechtenstein e Noruega).

 

 

Outra das materias que foi obxecto de observación por parte da CIG foi o dereito á protección social das persoas idosas (artigo 4 do Protocolo Adicional), de especial relevancia dada a situación demográfica do noso país. O Comité constata que o Estado non adoptou ningunha medida lexislativa para loitar contra as discriminacións por razón de idade e non facilitou a información necesaria para tomar unha decisión en relación coas pensións non contributivas, a prevención ao maltrato, os servizos e asistencia social e sanitaria e as residencias de maiores.

 

 

Valoración da CIG

 

 

“O Comité Europeo de Dereitos Sociais constata o que para millóns de persoas é unha evidencia diaria: deixar a saúde ou a vida no traballo é un perigo certo e constante. O incremento continuo dos accidentes de traballo é a mostra máis dolorosa da caste de subemprego que xeran as políticas do Goberno español e nomeadamente as súas reformas laborais. A pregoada recuperación económica tradúcese para a clase traballadora non só en temporalidade, precariedade e baixos salarios: tamén paga o seu tributo en vidas humanas”.



x