ROSA CONDE

“Fan un ERE no Popular e no Santander cando o que fai falla é máis persoal”

“Fan un ERE no Popular e no Santander cando o que fai falla é máis persoal”
Rosa Conde, no centro, nunha mobilización.
Rosa Conde, no centro, nunha mobilización.  

Actívase o proceso para os ERES no Grupo Popular-Pastor e Santander, que afectarán máis de 2.100 persoas, 20% das cales en Galiza. Falamos con Rosa Conde, secretaria da sección sindical da CIG no Popular-Pastor, adquirido hai uns meses polo Santander.


-Cal é impacto directo en Galiza dos expedientes de despedimento colectivo anunciados após a adquisición do Popular-Pastor polo Santander?

-En principio, a rede do Banco Pastor non se vai ver afectada por estes dous expedientes, que si afectan o Popular e o Santander. Canto ao Popular, en Galiza temos catro departamentos na Coruña que fisicamente están en Orillamar, que eran parte dos servizos centrais do Pastor, uns centros que ficaron após a integración co Popular e traballan para a rede Pastor e Popular. Son servizos técnicos, departamento de servizos administrativos a sucursais, centro de operacións de activso, de formalización hipotecaria... Estamos a falar aquí dunhas 160 persoas neste centro. Tamén no Cantón, A Coruña, están afectadas persoas de prevención de riscos laborais. Despois hai afectado outro centro en Compostela.

 

-De canta xente estariamos a falar en Galiza atinxida polo ERE?

-En total, unhas 200 persoas. Pero aínda temos que concretar porque pode afectar algunha persoa máis.

 

-Para alén dos efectos directos no emprego, que impacto ten no ‘vinculo social’ que as entidades teñen en Galiza?

-En principio, nesta primeira fase, non debería, na medida en que a rede non se ve afectada, o que é o contacto día a día coa clientela non se vería atinxido. Mais está claro que cando se produza o que denominan integración tecnolóxica, que esperan facer no 2019, si. Aí xa nos van anticipando que nos espera unha nova reordenación de cadro de persoal e veremos como afecta. Aí si que vai afectar as redes, que son as que teñen o contacto co cliente.

 

-Non é este o primeiro ERE que sofre o Popular nin o Santander...

-En abril de 2016 houbera un expediente no Santander que afectou sobre 1.300 persoas; e no Popular un a finais do ano pasado que afectou 2.592, das cales por volta de 300 foran en Galiza.

 

-Desde a CIG xa anunciastes un calendario de mobilizacións a raíz destes ERES... Cal é a vosa proposta?

-O 14 deste mes de novembro facemos unha concentración de delegados na Coruña. Estes son uns expedientes de regulación de emprego e nós entendemos que hai outras vías. Hai que dar opción aos compañeiros que a dirección di que son excedentarios en servizos centrais a reciclarse e pasar á rede. Na rede hoxe en día hai unha deficiencia importante de persoal, algo que se nota no día a día na atención á clientela: colas en oficinas, etc... Ademais de sobrecargas importantes de traballo, que se agravaron cos EREs do ano pasado. Iso levou a prolongacións de horarios de xornada, que todos coñecemos no sector, que son diarias e supoñen fraudes á Seguridade Social e Facenda en horas non cotizadas. Se sumamos todas esas horas que se fan de máis evidentemente implicaría máis postos de traballo. Non sobra xente, ao contrario.

 

De feito, o Santander fixo o ERE o ano pasado e nós xa denunciamos que con datos do propio banco, fixo contratacións a través de empresas de traballo temporal dun número de persoas aproximado ao das persoas afectadas polo ERE.

 

-Este ERE denunciádelo como un paso máis no proceso de centralización e concentración, cos efectos que ten para Galiza...

 

-Un proceso que non vén de agora. Por exemplo, no Pastor supuxo a desaparición de todos os servizos centrais, unhas 800 persoas que había traballando en Galiza e que acabaron na rúa ou tendo que marchar a Madrid. E iso é algo que nós poñemos enriba da mesa claramente, defender o emprego aquí, no noso territorio fronte a esas apostas en desmantelar nos diferentes territorios para centralizar en Madrid.

 

-Que quedou daquela petición de Núñez Feijóo a Ana Botín, de manter a marca Pastor e os empregos en Galiza?

-Nós insistimos na reunión co banco en que manter o emprego en Galiza pasa por conservar a marca Pastor, unha marca consolidada no mercado galego, enraizada, cunha vinculación social moi forte. De momento non temos resposta, estarán estudándoo. Esperar algo da Xunta? En xuño no Parlamento todas as forzas por unanimidade aprobaron unha moción de apoio a pedir ao Santander que se manteña a marca Pastor en Galiza e a defensa do emprego.



x