Fronte común do sindicalismo galego, vasco e catalán contra a "deriva antidemocrática" do estado

Fronte común do sindicalismo galego, vasco e catalán contra a "deriva antidemocrática" do estado

CIG, ELA, LAB e Intersindical-CSC comparecen en Compostela para denunciar a ofensiva política-xudicial en Catalunya e a criminalización da greve e das loitas sindicais e sociais por parte do Estado español. “Hai unha ofensiva contra o sindicalismo combativo”, denuncian. 


Catalunya vive nunha situación de “auténtica excepcionalidade política” que evidencia a “deriva” do “réxime antidemocrático e autoritario” do estado español. Unha deriva que ten en Catalunya o seu punto álxido, cunha "ofensiva política-xudicial" contra persoas e colectivos. O recorte de liberdades, vulneración de dereitos, criminalización e represión de loitas laborais e sociais…vén da man con esa aposta do Estado. Representantes dos sindicatos soberanistas de Galiza (CIG), Euskal Herria (ELA, LAB) e Catalunya (Intersindical-CSC) mantiveron un encontro en Compostela para analizar e valorar este escenario, no que o ataque ao dereito de greve é un dos elementos máis preocupantes.

 

“En Catalunya hai unha causa xeral contra os dereitos democráticos e colectivos” (Carles Sastre, I-CSC)

 

Carles Sastre (secretario xeral de Intersindical) explicou que o 25 deste mes o seu sindicato ten un xuízo a raíz dunha denuncia presentada pola gran patronal catalá por convocar a greve do pasado 8 de novembro. “Di que non somos representativos como para convocar unha greve xeral e que aquela era unha greve política”. Sastre indica que o paro xeral convocouse por motivos motivos claros e concretos. Un deles,  a supresión de máis de 30 leis aprobadas polo Parlament, impugnadas por Madrid e suspendidas polo Constitucional . Leis contra a pobreza enerxética ou os pisos baleiros.Outro motivo, o decreto de “deslocalización express” aprobado polo goberno español e que abriu as portas de par en par a que empresas abandonasen Catalunya. Para o sindicalista catalán, a patronal o que quere cuestionar é o propio dereito a greve. O que fai nun contexto de “causa xeral contra os dereitos democráticos e colectivos”.

 

“Hai unha estratexia partillada polas elites económicas e políticas para atallar o dereito a greve” (Joseba Villareal, ELA)

 

“Época dura”

 

“Vivimos unha época dura”, manifestou Joseba Villareal, de ELA, que denunciou que se estea a “criminalizar o único instrumento que temos os traballadores para cambiar a realidade, a greve”. A condena a traballadores que fan parte de piquetes, os servizos mínimos abusivos, as multas… están nunha “estratexia compartida polas elites políticas e económicas” para “criminalizar e perseguir” a greve. “Sen greves o futuro está escrito, con greves podémolo cambiar”, afirmou o sindicalista vasco.

 

Garbiñe Aranburu (LAB) entende que o contexto social e político español ten unha dupla involución, “social e política” na que o “ataque contra o sindicalismo combativo” é unha das frontes. As reformas laborais deron máis poder á patronal, di, mentres deixa “os traballadores sen medios para a defensa colectiva”.  Unha “ofensiva xeralizada contra o sindicalismo de contrapoder”, un sindicalismo que é máis necesario ca nunca” e que acredita que 2a loita pola soberanía é a mellor garantía contra o neoliberalismo”.

 

“A loita pola soberanía é a mellor garantía contra o neoliberalismo” (Garbiñe Aranburu, LAB)

 

O Estado reacciona con criminalización e represión perante “protestas lexítimas”, nun actuar que indica que “os procesos popularers democráticos de emancipación” están no punto de mira do Estado. Paulo Carril, secretario xeral da CIG, lamentou a “equidistancia das forzas políticas da esquerda española” fronte ao actuar “antidemocrático” e “represivo” do Estado, un proceso no que este aposta en atacar o dereito á greve “para desmantelar a loita da calse traballadora”.

 

“Lamentamos a equidistancia da esquerda española” (Paulo Carril, CIG)

 

CIG, ELA, LAB e I-CSC subscribiron un comunicado conxunto no que reclaman a derrogación da aplicación do 155 e o respecto á vontade expresada nas urnas polo pobo catalán o 1 de outubro e o 21 de decembro; a liberdade dos presos políticos cataláns, o “cese do acoso político e xudicial” e que o Estado recoñeza o dereito dos pobos a decidir o seu futuro. 

 

 



x