Galiza encadea tres meses de aumento do paro rexistrado

Galiza encadea tres meses de aumento do paro rexistrado

En novembro aumentou en 1.272 persoas, 0,68%, a maior ritmo que a media no Estado, 0,21%.


Novembro despediuse con malos resultados en Galiza no paro rexistrado. Aumentou en 1.272 persoas, 0,68% e xa encadeamos tres meses de suba do desemprego no noso país. En outubro incrementou en 1.846 persoas (1%) e en setembro en 2.932 (1,6%).

 

A suba en novembro é, ademais, superior á media que se rexistrou no Estado español, que foi de 0,21%. Se analizamos a variación interanual – a evolución do paro rexistrado entre novembro do ano pasado e o deste exercicio- vemos que o desemprego reduciuse de forma importante, 8%. Mais menos que no Estado, onde a baixada foi de 8,3%.

 

De outubro a novembro aumentou o desemprego rexistrado en todos os swectores agás Industria, onde descendeu en 29 persoas. Aumentou en Agricultura e pesca (101 persoas), Construción (63), e sobre todo en Servizos, 1.036.. No colectivo de sen emprego anterior incrementou 101.

 

En contratos mantense a tónica habitual desde hai anos no mercado laboral galego: predominio absoluto da temporalidade. Dos 80.025 contratos asinados, case 73.400 foron temporais.

 

No que atinxe a afiliacións á Seguridade Social o número de persoas anotadas foi 989.157. É inferior á do mes anterior (747 afiliacións menos) mais aumentou no intervalo interanual, 2,13%, levemente por baixo do que o fixo a media española (2,16%). Continúan as filiacións en Galiza sen chegar ao millón de persoas que tiñamos antes da crise.



x