Galiza lidera a sinistralidade laboral no Estado español

Galiza lidera a sinistralidade laboral no Estado español

O estudo do Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral da CIG é contundente: “Proporcionalmente morreron na Galiza por accidente laboral o dobre de traballadores que a media do conxunto do Estado”. 


Galiza é lider en sinistralidade laboral. Ao longo do primeiro semestre de 2016 o noso país retornou ao primeiro posto de accidentes laborais no coxunto do Estado español. Os sinistros con resultado de morte teñen en Galiza unha incidencia moi superior á do conxunto do Estado. O Boletín de saúde laboral editado pola CIG debulla este tema e é concluínte: ““Proporcio-nalmente morreron na Galiza por accidente laboral o dobre de traballadores que a media do conxunto do Estado”.

En Galiza o índice de incidencia (número de sinistros por cada 100.000 traballadores en activo) nos accientes mortais é de 0,519. No Estado español é de 0,259. Nestes primeiros 6 meses do ano rexistráronse na Galiza un total 11.513 accidentes laborais, dos cales 11.281 foron cualificados como leves, 210 foron graves e 22 foron mortais. “Galiza cos seus 22 traballadores falecidos representa o 7,31% do total de mortes por accidente laboral do Estado, 301”, indícase no boletín.

Gravidade

No que atinxe aos accidentes graves, nestes primeiros seis meses do ano rexistráronse 210, o que supón un aumento do 25,7% a respecto do msmo período de 2015, no que se rexistraran 167. Son 43 accidentes máis. O incremento dos accidentes graves deuse en todos os sectores: no sector servizos produciuse un incremento dos accidentes graves do 16,66 %; no sector industrial do 20 %; na construción do 25,80% e na pesca duo 38,88%.

O Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral atribúe esta situación a “unha reforma laboral brutal e inxustificada xunto a unha política antisocial de recortes extremos” que considera que “ten derivado nunha profunda desestruturación do mercado de traballo, na precarización laboral a ultranza e nunha perda de dereitos sen parangón no ámbito das relacións laborais”.