Galiza, entre os territorios onde menos emprego se crea na Semana Santa

Galiza, entre os territorios onde menos emprego se crea na Semana Santa

Un estudo da empresa Adecco sitúa Galiza entre os territorios do Estado español onde menos crecerá o emprego durante a Semana Santa.


A empresa Adecco calcula que o Estado español creará 140.000 contratos estacionais relacionados coa Semana Santa, o que representa unha suba do 10 por cento. Porén, ese índice cae na Galiza até a metade, o 5 por cento.

Desta maneira, o estudo sitúa o noso país entre os territorios do Estado onde menos emprego se crea. Os territorios máis favorecidos son Catalunya, Madrid, Andalucía, Murcia e a Comunitat Valenciá, lugares en que se realizan perto de 100 mil contratos relacionados, todos eles, co turismo.

Perfís

Cociñeiros, axudantes de cociña, camareiros e persoal de limpeza son os perfís máis demandados, alén de dependentes, comerciais ou teleoperadores, todos eles marcados pola precariedade laboral.

Os últimos dados do paro, relativos ao mes de marzo, indican que o número de persoas desempregadas baixou na Galiza apenas un 0,88 por cento a respeito de febreiro, cando o descenso no Estado español foi de 1,3 por cento. Así, volve repetirse o menor ritmo de baixada do desemprego na Galiza en comparación coa tendencia que presenta o conxunto do Estado.

Doutra banda, véñense de coñecer as cifras relativas aos Expedientes de Regulación de Emprego (ERE), que indican que hai unha media de 41 traballadoras e traballadores cada día afectados por ERE na Galiza.



x