Greve en Citroën contra unhas condicións e ritmos de traballo “esgotadores”

Greve en Citroën contra unhas condicións e ritmos de traballo “esgotadores”
Manifestación de operarios de Citroen contra a sobrecarga de traballo. @cutcitroen
Manifestación de operarios de Citroen contra a sobrecarga de traballo. @cutcitroen  

CIG e CUT convocan sete xornadas de paro, que se realizarán os sábados de outubro e novembro.


O aumento dos ritmos e cargas de traballo están a levar os operarios da automoción até o extremo, someténdoos a unha sobrecarga física e mental. Os sindicatos levan tempo denunciando esta situación, nomeadamente na factoría PSA Citroën de Vigo, mais semella que non houbo melloras. De aí que CIG e CUT convoquen a sete xornadas de greve na factoría viguesa, paros que se realizarán os sábados de outubro e novembro.

 

“As condicións e ritmos de traballo son esgotadores”, denuncia Xoán Xosé Bouzas Aboi, de CIG-Industria, o que se traduce en fatiga, baixas, sobrecargas... Non é o primeiro protesto e mobilización dos traballadores por estas cuestións. En xullo pasado mobilizáranse centos de operarios, convocados por CIG, CUT e CCOO. Naquela altura, arredor de 400 dos 5500 empregados da factoría viguesa atópanse e baixa, a metade dende hai máis de seis meses, por mor do alto ritmo de produción, que ten efectos directos sobre a saúde dos operarios.

 

A fábrica de Citroën en Vigo destaca a planta máis produtiva da multinacional francesa nas súas últimas memorias de actividade. Con 424.000 unidades producidas o pasado 2016 –un incremento do 11% durante os últimos oito anos– é a segunda do Estado español por detrás da factoría de Seat en Martorell. Porén, o número de empregados está en mínimos históricos logo dos plans de axuste de persoal da dirección, con expedientes de regulación de emprego, externalización de servizos e numerosos recortes laborais para conseguir novas liñas de produción.

 



x