A greve do transporte por estrada déixase notar desde as primeiras horas: 95% de seguemento

A greve do transporte por estrada déixase notar desde as primeiras horas: 95% de seguemento
Imaxe da estación de autocarros de Compostela. Vía CIG
Imaxe da estación de autocarros de Compostela. Vía CIG  

O paro, que afecta 6 de cada 10 liñas regulares, non ten precedentes en Galiza. O plan da Xunta xera o rexeitamento de sindicatos e patronal.


A greve no transporte por estrada que se desenvolve esta terza e cuarta feira en Galiza deixouse notar desde primeiras horas. Se ben os servizos mínimos cubrían 100% das liñas escolares, nas liñas regulares contemplan só 40%. En 60% restante, apontan sindicatos, o seguimento está a ser xeralizado. Desde CIG falan de “éxito” e CCOO indica que ás 9:00 horas o seguimento horas era de 95%. Na central nacionalista indican que mesmo secundaron o paro autocarros que entraban nos servizos mínimos.

 

"Os traballadores tomaron moi a serio a folga, están moi preocupados polo seu futuro, porque saben que se a Xunta leva adiante o seu plan de reestruturación, entre un 20 e un 30% do persoal vai acabar na rúa; é dicir: haberá case 1.000 empregos menos no sector en ano e medio". Así o manifestou o responsábel de Transportes da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza

 

Os sindicatos (CIG, CCOO e UXT) protestan polo bloqueo do convenio e en rexeitamento do plan de transporte de viaxeiros da Xunta. Unha oposición neste ponto que tamén partilla a propia patronal do gremio. As centrais advirten que ese plan implicaría a destrución de mil dos 7.000 empregos que representa este sector.

 

A proposta da Xunta prevé integrar servizos escolares nas rotas convencionais. Iso implicaría a desaparición de empregos e de pequenas compañías de transporte que operan no rural. Tamén desde as Anpas rexeitan o plan da Xunta, pois converten o transporte escolar en “transporte de viaxeiros con reserva de praza”.

 



x