Greve na administración de xustiza o 1 e o 13 de decembro

Greve na administración de xustiza o 1 e o 13 de decembro
Asemblea de traballadores da xustiza
Asemblea de traballadores da xustiza  

Os sindicatos reivindican a recuperación de emprego e dereitos


Traballadores da administración de xustiza irán á greve os días 1 e 13 de decembro para exixir a recuperación de empregos e dereitos: melloras salariais, rematar coas penalizacións por IT, esixir o pagamento do 100% das substitucións e a reposición das prazas amortizadas, sion algunhas das demandas. A decisión de iniciar medidas de presión acordouse en asembleas e perante o bloqueo das negociacións coa Dirección Xeral de Xustiza, "incapaz de resolver estas cuestións". O 16 de novembro as centrais sindicais SPJ-USO, CUT, UGT, CSIF, STAJ, CIG e CCOO convocan concentracións nas sete cidades galegas.

 

As centrais sindicais denuncian que os traballadores e traballadoras do sector en Galiza están sendo reiteradamente discriminadas na retribución do complemento transitorio con respecto ao resto do persoal do Estado, cunhas diferenzas salariais acumuladas no período 2013-2017 que poden variar entre os 4.000 e os 10.000 euros, dependendo do corpo ao que se pertenza. Por iso, explican dende CIG-Xustiza, unha das demandas dos sindicatos é a subida do complemento transitorio autonómico, retirado das pagas extraordinarias polo Goberno de Feijoo, durante estes últimos catro anos.

 

A representación social solicita tamén que se negocie un plan recuperación das 106 prazas amortizadas en 2013 e que afectaron especialmente aos xulgados do contencioso, de paz, de familia e ás audiencias provinciais. Nesta liña, as centrais sindicais piden a consolidación de prazas de reforzo de máis de tres anos de duración, comprometida pola Dirección Xeral de Xustiza, cando "a realidade é que nin sequera se entregou a relación dos reforzos que existen e a data de aprobación do mesmo".



x